Pedro Feijoo e Xosé Tomás
Pequena historia de Vigo
Embora, Ferrol, 52 páxinas, 14,95 €, 2022
Recibín hai poucas datas esta publicación que, alén de ofrecer unha síntese atractiva vinculada coa historia da cidade de Vigo, xunta harmonicamente dous talentos nun formato que se sitúa nun punto medio entre a banda deseñada e mais o álbum ilustrado.
Pedro Feijoo -que xa se achegara noutro formato á historia da cidade en Camiñar o Vigo vello (Xerais, 2018) e que situou como ben se sabe neste espazo boa parte da súa obra narrativa- responsabilízase de darlle forma narrativa -sen desatender o sentido do humor en numerosas ocasións- á historia da cidade, aos pequenos e grandes acontecementos -tamén os literarios, cousa que moito agradezo- que definiron e definen a súa personalidade. Velaí como se percorren, así, os inicios do Vigo castrexo pasando polo Vicus romano, os numerosos pobos invasores e os novos poboadores, sen esquecer outras referencias precisas e ben traídas como a presenza do románico, a relevancia portuaria, os trobadores da ría de Vigo, Rande, a recuperación da figura do industrial Buenaventura Marcó del Pont -personaxe aínda moi descoñecido- ata a Reconquista, o Vigo liberal, a presenza de Rosalía de Castro na cidade e aqueles sucesos máis recentes con dous bises finais como son a historia da oliveira -símbolo da cidade- e un breve e simpático -necesario para as persoas de fóra da cidade- dicionario local.
O traballo de Xosé Tomás é, igualmente, merecente de relevancia pois articula unha interpretación visual intensa e completa, desas que quedan na memoria pola súa perfección e pola forza suxestiva que depositou nela.
Parabéns, abofé, por esta publicación sobre unha cidade que é moito máis ca uns milleiros de leds no Nadal, moito máis ca un parque temático intransitable.