Marta Dacosta
Así fala Penélope (unha antoloxía de xénero)
Chan da Pólvora, Santiago, 84 páxinas, 15 €, 2022
Nas antoloxías máis salientables que se publicaron ao longo deste ano cómpre citar esta achega da escritora e profesora Marta Dacosta que, ao que sei, foi extraordinariamente recibida de maneira que xa está en circulación unha segunda edición.
Dacosta, así pois, realiza un percorrido, a través da voz de corenta e unha autoras, que exhiben o músculo da escrita poética actual das mulleres galegas. De reparar no título da antoloxía resultaba de regra comezar co poema “Penélope” de Xohana Torres mais, a continuación, a estrutura da escolla non segue un patrón cronolóxico ou alfabético, nin sequera xeracional, senón que son as propias voces escollidas as que constrúen, páxina a páxina, un discurso propio, loxicamente reivindicativo e contemporáneo, que repara na memoria comunal, na sororidade, no corpo, no traballo, na vertente social…, isto é, na reescrita de moitos motivos que sería longo de indicar aquí, da man de autoras vivas e cunha obra aínda en construción agás a presenza de X. Torres e as de Xela Arias e Luísa Villalta, que lle outorga un sentido propio ao proxecto.
Ademais, o libro enriquécese cun epílogo da responsable da edición onde explica as causas que motivaron o nacemento do presente libro e outras reflexións sobre a intención que guiou a súa redacción, alén dun código QR de inequívoca utilidade didáctica na que se inclúe un índice de autoras con libro individual publicado e unha cronoloxía, un suplemento á escolma que engade un poema de cada unha das autoras que non consta na versión impresa e mais unha unidade didáctica para traballar algúns textos.
Parabéns, finalmente, por esta iniciativa á autora e á editorial responsable de poñer nas mans das persoas interesadas esta antoloxía que chega para quedar, estou certo.