Antón Riveiro Coello
Días de intemperie
Galaxia, Vigo, 120 páxinas, 16 €, 2022
Emprazado no xénero dos relatos que tan bos froitos deu ao seu autor, velaquí neste Días de intemperie nove pezas que, como desde o título ben se indica, se achegan a personaxes -e ben podería falarse de persoas de carne e óso nos máis dos casos pola verosimilitude do seu deseño- que alentan en atmosferas nas que, por circunstancias diversas e sempre a partir de conflitos bélicos, viven á intemperie e en situacións extremas, isto é, sen ningún acubillo posible e mercé á roda da fortuna ou do fado. Historias, así pois, marcadas pola crueza e, cómpre subliñalo unha vez máis na obra de Riveiro, arroupadas por unha antolóxica brillantez literaria a carón dunha indiscutible mestría técnica.
Velaí como, nun percorrido no que mudan os escenarios históricos -de Alepo a Mariupol ou Kiiv, da Raia Seca a unha vila descoñecida en plena segunda guerra mundial ou ao Vietnam ocupado entre outros tempos e espazos- todas e cada unha das voces protagonistas están obrigadas, aínda que non queiran, aínda que nunca quixeran, a verlle de preto a cara á morte, coñecer as formas exactas que esta adquire, afrontar as traxedias e os odios cervais que se converten en acontecementos cotiáns en contextos bélicos ou que beben nas consecuencias destes. Coma se a dor galgase por riba de fronteiras e épocas, as experiencias relatadas agroman en territorios devastados onde a desolación é o único horizonte. Nestes relatos os silencios carrexan unha forte carga semántica e por veces tras as palabras pronunciadas pode haber un disfrace; noutras ocasións o medo e a vivencia da dor vai converterse ineludiblemente en rutina. As ansias de vinganza, as diversas aparencias que pode adoptar a violencia, a tolemia á que conduce a negación dunha realidade que non se pode asumir, a covardía e a omisión de auxilio, os coidados, os libros como refuxio, a vivencia da homosexualidade no exército ou a orfandade son, asemade, algúns dos motivos que se recrean nestas páxinas.
Un libro, en fin, que esculca no naufraxio dos valores positivos que a condición humana debería atesourar e proxecta en nós a dor que encerran as feridas ou as cicatrices. Do mellor, a meu entender, deste ano que deixamos.
Este texto publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, sección “Ex umbra in solem”, de La Voz de Galicia, o 30 de decembro de 2022.