Ninguén queda, de Brais Lamela

Brais Lamela

Ninguén queda

Euseino?, Vigo, 182 páxinas, 18 €, 2022

Chego a Ninguén queda, primeira novela de Brais Lamela, cunha dinámica distinta á recepción, tantas veces marcada polo inmediato, das novidades editoriais máis frecuentes que esixe a actualidade e neste caso fágoo grazas ao tantas veces certeiro sistema de boca-orella. Talvez iso explica, entre outras razóns, que esta fose unha lectura plena e esperanzada por atopar unha nova e suxestiva voz.

O libro de Lamela, que consegue seis reimpresións en pouco tempo, nunha colección dirixida por Berta Dávila nun selo pequeno pero singular como é o vigués Euseino, semella vir da man de alguén que leva escribindo toda unha vida, e facéndoo moi ben por outro lado.

Cunha arquitectura establecida en dúas partes sostense un desenvolvemento argumental que estrutura en base a unha confluencia de voces na que salienta a do protagonista que repara naqueles elos que constrúen a súa biografía, isto é, as súas relacións, amizades, familia e, sobre todo, o obxecto do seu traballo: afondar na realidade que significou a apertura dun plan de colonización da Terra Chá con persoas arrincadas da súa contorna por mor do asolagamento das súas terras en Grandas de Salime e o obrigado despoboamento de lugares como Negueira de Muñiz, coa posterior ocupación que se produciu nel nos anos oitenta. Non ficción? En boa parte si, pero aínda hai máis voces como a de quen le esa “non ficción”, xunto con fragmentos de corte académico ou a reprodución de entrevistas e textos doutros documentos que ten no seu poder o protagonista.

 O fío argumental oriéntase, dalgún xeito, cara a unha  reflexión sobre o proceso de desarraigo, cun uso metafórico medido e ao tempo intenso. Tamén sobre os mecanismos que o poder usa desde o espazo doméstico; sobre o significado que comporta o trauma do exilio e a emigración laboral -antes e agora- e sobre a reconstrución xa non de lugares senón daquelas memorias que se anoan aos lugares.

Nun momento apúntase que é imposible entender o significado de marchar sen entender o que se deixa e que volver é deixar un novo rastro de sedimentos. Esta novela axuda a explicalo e este é un dos seus valores, entre outros. Unha proposta que recomendo pola súa solidez, polo que ofrece e por como o ofrece.

Este texto publicouse o 13 de xaneiro de 2023 nas páxinas do suplemento Fugas, sección “Ex umbra in solem” de La Voz de Galicia.