Un traballo inédito sobre Francisco Fernández del Riego

Non adoito deixar constancia aquí de cuestións de carácter persoal pero ao fío do protagonismo que a figura de Fernández del Riego adquire este ano quero compartir a miña alegría ao acceder, grazas á xenerosidade da Biblioteca Penzol e ao seu director Xosé Manuel Soutullo, a unha copia tanto dunha carta que lle enviara a don Paco como dun traballo inédito que eu realizara no ano 1990, motivo que me facilitou un primeiro encontro persoal con el, claro é, na Biblioteca Penzol.

A este traballo, que eu extraviara, referíame nas páxinas limiares da monografía que saíu á luz hai algo máis dun mes e agora tela nas mans avivece na miña memoria aquel encontro don Paco. No ensaio, que suscitou o seu interese e un vivo agradecemento, atrevíame a trazar daquela unha biografía súa, na que incorporaba algunhas puntualizacións resultado dunha entrevista con el, e unha análise parcial das súas colaboracións xornalísticas no Faro de Vigo, alén de recoller unha escolma dos seus textos publicados en lingua galega neste soporte desde 1949 a 1964 e unha listaxe das súas colaboracións.

A miña gratitude, insisto, á Fundación Penzol e a todas as persoas que alí traballan.