Lourenzá, de Francisco Fernández del Riego

Lourenzá

Francisco Fernández del Riego

Galaxia, Vigo, 118 páxinas, 17 €, 2022

Vilanova de Lourenzá foi, como se sabe, o lugar de nacemento de Francisco Fernández del Riego mais tamén o territorio onde se asomou ao mundo ao longo da súa infancia e adolescencia: unha época vital que deixou, ineludiblemente, un pouso relevante nel como ben se encargou de evocar nos seus libros de memorias onde repasa ese mundo cheo de aprendizaxes e nos que relata polo miúdo a veciñanza, anécdotas ou mesmo describe cales eran os seus xogos infantís. Tamén en Lourenzá, o 25 de xullo de 1931, pronunciou desde o balcón do Concello o seu primeiro mitin galeguista: contaba con dezaoito anos o que testemuña a súa precocidade no ámbito da actividade política.

Chega agora da man da editorial Galaxia esta reedición de Lourenzá, publicada orixinalmente en Ediciós de Castro no ano 2004. Malia prescindir do aparato fotográfico da edición orixinal coido que é un acerto pór en circulación un libro que, inevitablemente, confirma os fíos que sempre o uniron ao lugar malia abandonar a súa residencia definitiva en 1931; vencellos que, ao meu ver, resultaron reforzados como testemuña o feito de que, ao longo dos seus últimos anos de vida, foron numerosos os actos de recoñecemento e homenaxe que os laurentinos tributaron a Don Paco.

Dun ou doutro xeito, Lourenzá non constitúe un máis entre os numerosos libros que o autor publicou e que se poden adscribir nun xénero situado a cabalo entre a crónica memorialística, inspirada nun territorio concreto, e a descrición de filiación histórica e cultural, tal e como unha serie de volumes que publicou inspirados en diversas cidades galegas ou o título Galicia (1994). Probablemente sexa este o ensaio onde depositou unha maior carga emocional.

          O volume revela a erudición do autor, claro é, nomeadamente nas páxinas centradas en situarnos a relevancia da vila ao longo da historia, mais tamén ten un carácter “impresivo” e “divulgativo”, como ben gustaba de dicir das máis das súas propostas: sempre atento á paisaxe e ás xentes e, neste caso, ás pegadas que a vila natal e os seus arredores deixaron nel, evocadas cun chisco de melancolía mais tamén con esperanza no futuro, algo que tanto e tan ben sempre o caracterizou.

Este texto publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, o 24 de febreiro de 2023.