O neno perdido, de Thomas Wolfe

Thomas Wolfe

O neno perdido (tradución Ignacio Chao)

Hugin e Munin, 80 páxinas, 14 €, 2022

Entre esas alfaias que Hugin e Munin nos agasalla apareceu hai pouco a novela breve O neno perdido, de Thomas Wolfe, en espléndida tradución do editor e escritor Ignacio Chao.

O norteamericano Wolfe (1900-1938), unha voz que caeu en certo esquecemento malia ser reivindicada polo William Faulkner ou por Sinclair Lewis, é sen discusión un narrador de altura como testemuña esta proposta tanto pola súa precisión estilística e expresiva como por estar dominada por unha articulación innovadora, alén de mergullarse en asuntos de interese imperecedoiro, e ao meu ver tratados de maneira orixinal, como poden ser a abordaxe que fai respecto da soidade ou da disolución do tempo, mellor dito do Tempo, como sempre usa na novela.

A trama, en aparencia sinxela, transcorre en boa parte no ano 1904 en St. Louis (Misuri), cando a familia de Grover Wolfe se despraza alí, cruzando Alabama, por mor da Exposición Universal. O argumento distribúese coma se fosen catro actos: en primeiro lugar, e minuciosamente grazas a un narrador externo, evócase unha tarde na Praza dunha vila sen nome do sur dos Estados Unidos de América onde o recordo da guerra civil aínda, en boa parte, está sen cicatrizar. A Praza é símbolo da permanencia, corazón do universo dun neno que, ás veces, non atopa medio para expresar o que ve e sente, malia saber que é aí onde el nunca se sentiría perdido se ese lugar, ou non-lugar, nunca se transformase noutra cousa. A súa visión, sorprendentemente,  resulta operativa para construír unha metáfora da América daquel entón a través da memoria que vai e vén, subxectiva e cambiante, que retrata un país de recendos, con “vellas paredes de ladrillo, unha tenda de comestibles, abril e o sur”.

Tras un monólogo emotivo e profundo da nai dirixido ao autor da novela, irmán menor do neno antes descrito, será outra irmá do autor -Helen- que esmiuce as causas da morte do pequeno na terceira parte para, finalmente, e talvez nas páxinas máis brillantes, asistir ás experiencias do propio Wolfe que volve á casa de Misuri para intentar apreixar o Tempo. E, en efecto, é quen de recuperalo un intre para perdelo de vez e sentir como a soidade o asolaga, para sempre, como a única sombra permanente que sempre camiñará canda el.

Este texto publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, sección “Ex umbra in solem”, o 10 de marzo de 2023.