Blanca-Ana Roig Rechou
Paco del Riego. Un home irrepetible
Hércules de Ediciones, 88 páxinas, 14 €, A Coruña, 2023.
Atento, como é lóxico, ás publicacións que teñen como eixe central a obra ou a figura de Francisco Fernández del Riego, cómpre dar conta e referirse con brevidade ao título Paco del Riego. Un home irrepetible: un ensaio inserido na colección “Unidades didácticas das Letras Galegas”, da editorial coruñesa Hércules de Ediciones, que vén da man da profesora e investigadora Blanca-Ana Roig Rechou.
O libro diríxese, en primeira instancia, a unha franxa lectora que se atopa entre os 11 e os 16 anos malia resultar de interese, naturalmente, para calquera persoa interesada na figura de Fernández del Riego. Un dos méritos da publicación é, sen dúbida, o emprego dunha tonalidade próxima e directa, case afirmaría que familiar, para un lector ou lectora adolescente que facilita e axiliza, deste xeito, o achegamento ás diversas dimensións que suscitou Don Paco ao longo case dun século de vida. Igualmente, outro dos trazos esenciais deste libro, alén do valioso corpus fotográfico e documental que incorpora, é o seu afán sintético -obxectivo non doado de conseguir- que, ao mesmo tempo, non deixa ningún elemento relevante de carácter biográfico fóra das súas páxinas posibilitando, deste xeito, obter unha idea cabal, global e con garantías do percorrido literario, cultural e político, mais tamén daquela dimensións máis lúdicas que, todas por xunto, definen unha persoa da talla de Fernández del Riego.
Unha proposta, en definitiva, que vén engadirse con bo tino e acerto á bibliografía sobre o autor que protagoniza o Día das Letras Galegas 2023. Moita sorte para ela.