
A historia do denominado Roman de Ponthus interesou, desde hai anos, a numerosos especialistas. Méndez Ferrín referiuse a el xa nos anos oitenta do século pasado e influíu no seu Bretaña, Esmeraldina. Tempo despois, tanto no ámbito da tradución como da interpretación, é coñecido o interese que suscitou esta peza en Anxo Fernández Ocampo, Paulo Nogueira e Henrique Harguindey, sendo este último quen traduciu para Rinoceronte Historia do nobre Ponto, que foi rei de Galiza e de Bretaña. O libro relata a historia de Ponto tras a toma da Coruña polos musulmáns e a morte do rei Tiber. Nesa conxuntura uns rapaces galegos son salvados e embarcados nun navío que naufraga nas costas de Bretaña, onde o rei os acolle. Ponto namorarase da filla do rei chamada Sidonia e, finalmente, reconquistará o seu país e casará con ela, converténdose en rei de Bretaña e de Galicia.
Un capítulo desta historia é o que se abraza como motivo para esta plaquette poética, medievalizante e coral, editada con exquisitez por Acentral Folque e que foi o proxecto gañador do Fondo de proxectos culturais do Reino de Galicia organizado pola Deputación da Coruña. O foco, así pois, deposítase na faia existente no bosque artúrico de Brocelianda, en Paimpont (Bretaña), que foi testemuña do enfrontamento entre Ponto e Du Guesclin. A faia, plantada polo propio Ponto ou no que se converteu tras a súa morte, magmatiza o proxecto que, malia evocar a derrota puntual de Ponto, subliña a vitoria do amor e da beleza, e se cadra da poesía. Velaí, así pois, unha sorte de actualización da historia que, alén de poñer foco no universo artúrico e mais na existencia do noso reino medieval, xoga coas versións tradicionais do heroe coa vontade de subvertelas e velaí como (re)atopamos as voces dos protagonistas proxectadas grazas ás intervencións poéticas de Alba Cid -nun regreso ao xade, nunha carreira infinda na foresta por riba de fronteiras do tempo e do espazo de maneira que o propio Ponto conxura o desencanto- e Estevo Creus -coa súa querenza pola imaxe visionaria con versos como gumes afiados para cuestionarnos sobre o tempo, a destrución e a esperanza- acompañadas dunha espléndida lectura artística a cargo da artista lisboeta Maria João Worm. Volve Ponto, volve a súa memoria: a do rei de Galicia.
Este texto publicouse nas páxinas da revista electrónica Inviable e mais nas páxinas culturais de La Voz de Galicia (16-III-2023).