Annie Ernaux
O acontecemento (tradución de Moisés Barcia)
Rinoceronte, 104 páxinas, 17 €, Cangas do Morrazo, 2023
Por volta da metade desta novela titulada O acontecemento, a primeira vertida á lingua galega da Premio Nobel 2022 en tradución a cargo de Moisés Barcia, nun dos fragmentos nos que agroma de maneira directa a instancia da autora, deixa explícito un elemento esencial que, teño para min, funciona como unha clave significativa destas páxinas, isto é, sitúa a historia relatada -ese acontecemento que implica unha esgazadura perenne, que non pechou e nunca pechará as cicatrices que provoca como foi un abordo clandestino- nun ronsel exclusivo que é o das mulleres. Respecto delas afirma que, malia non coñecelas, sente que tece algo en común, quer dicir, articula e imaxina unha “cadea invisible” con “artistas, escritoras, heroínas de novela e mulleres da miña infancia” coa que esta proposta textual, non teño dúbida, constitúe un elo sólido e conmovedor.
Sólido porque a escrita de Ernaux é aguilloante e incisiva ao tempo que se reviste dunha sinxeleza pouco común: desposuída de adobíos intérnase sen ambaxes na cerna do argumento que, por outro lado, non deixa de carrexar ferrados de memoria, documentada tantas veces, que se estende desde o máis persoal e íntimo ata o que ten de proxección colectiva. Unha memoria que, como é lóxico, vai e vén: difusa en ocasións, meticulosa noutras.
Conmovedor porque, á fin e ao cabo, é esta unha historia que destila desamparo, soidade, discriminación, incomprensión, violencia e, en moitas ocasións, desprezo: sentimentos ou percepcións que Anne, a protagonista, que naquel tempo era unha estudante universitaria brillante, sobra dicilo, experimenta arreo a través do propio corpo, aproximándose así a dimensións de carácter moral do que, nos anos sesenta en Francia, era considerado reprobable e ilícito, malia que a sociedade establecese, sempre, mecanismos aos que acudir en voz baixa.
É esta, tamén, a memoria ou evocación dun tempo concreto, case estático, que se debuxa como denso e compacto, sen fendas nin elementos aos que asirse para contemplar algunha esperanza. Velaquí un “fluxo estancado de infelicidade” no que constitúe unha novela memorable pois semella que todo se moumea ao ouvido.
Esta recensión publicouse nas páxinas da sección “Ex umbra in solem” do suplemento Fugas de La Voz de Galicia, o 17 de marzo de 2023.