Fernández del Riego, Francisco
Galicia
Xerais, Vigo, 192 páxinas, 19,50 €, 2023
O 22 de abril de 1994 presentábase a primeira edición deste volume nos xardíns do Pazo-Museo “Quiñones de León”. A tarxeta de invitación ao acto, que conservo, subscrita polo “alcalde-presidente do Concello de Vigo”, sinalaba que se trataba do “recoñecemento dos vigueses e viguesas a traxectoria deste ilustre autor galego”. Pasados os anos, e a iniciativa de Edicións Xerais, reedítase este importante libro malia, particularmente, parecerme que ese espírito de recoñecemento oficial por parte da cidade de Vigo á figura de Del Riego -non se esqueza que a Vigo legou xenerosamente un patrimonio artístico e documental cun valor, xa non só económico, incalculable- podía e debía ser moito máis activo. A oportunidade de divulgar a súa figura, especialmente na cidade que escolleu para vivir, é extraordinaria e teño para min que non se está a aproveitar como debera. Fóra dalgunhas iniciativas importantes de carácter expositivo que se acollen na Casa Galega da Cultura, de xustiza sería ver unha cidade cunha axenda de actos que recoñecese a súa importancia en forma de encontros, charlas divulgativas, campañas publicitarias, apoio á reedición dos seus libros e distribución por centro escolares, etc., etc.
Galicia, con todo, era xa un libro inatopable e ben está esta iniciativa que, noutro formato, recupera tanto o texto orixinal como o suxestivo corpus de ilustracións e fotografías que, sen dúbida, enriquecen a publicación. É este un volume que, dalgún xeito, coroa a denominada literaratura de viaxes á que tan afeccionado foi o autor poñendo o foco no seu propio país. Hai moito nel, loxicamente, de evocación do camiño andado grazas á súa prodixiosa memoria, de experiencias propias, de lecturas, do diálogo con outros viaxeiros que deixaron testemuño escrito da súas vivencias e de abrazar unha visión que, se se quer, bebe dese espírito que naceu xa en proxectos do propio Seminario de Estudos Galegos que se transformaba na vontade de divulgar, xeográfica mais tamén histórica e culturalmente, os perfís do territorio no que vivimos, cousa que Del Riego fai aquí a través doce percorridos ou traxectos.
Como estratexia narrativa, Fernández del Riego escolle un álter ego que bautiza co nome de Ramón Sanfiz para servir de guía a tres visitantes bretóns –Jean e Marguerite Mauron e o historiador Pierre Mansour– e nesas xornadas deseña polo miúdo os territorios visitados, nun intento de aprehender, e divulgar, a nosa singularidade paisaxística, humana, antropolóxica e cultural. Un libro que neste ano sería preciso coñecer ou volver asomarse a el.