Iria Bragado
Versos violentos
Saurobuks, Ourense, 82 páxinas, 15 €, 2022.
Coñezo algunhas mostras creativas de Iria Bragado desde hai bastante tempo, eu case diría que algunhas das primeiras que realizou en idade de formación escolar. Sempre me sorprendeu porque era, e é, a súa unha voz que, cando escribe, o fai sempre desde as instancias da liberdade máis absoluta, isto é, non se procure sometemento a corsés expresivos de ningún tipo que ditan o que pode, ou non, considerarse correcto. Iria Bragado escribe, paréceme, coma se a escrita este fose verdadeiramente un exercicio de resistencia realizado desde a liberdade creativa máis absoluta. Nese espazo é onde agroma a necesidade de contar, de relatar desde as instancias da rebeldía e da desconformidade, do rexeitamento de alguén que se rebela contra o que se asume con normalidade nun tempo que é o que nos toca vivir.
Velaí como o que se contén neste que é o seu primeiro libro –Versos violentos, editado requintadamente polo selo Saurobuks e prologado con acerto por Susana Villaverde- nace desde a perspectiva reivindicativa e combativa, sempre crítica, dunha muller que asume ver o mundo desde unhas lentes lilas, por suposto, mais tamén desde a consciencia de que as clases, ou divisións, sociais existen e que neste libro se olla o mundo desde o grupo de persoas menos favorecidas pola historia. Alleo a formalismos, é aí onde abraza unha ollada proletaria e feminista, cunha linguaxe directa e sen ambaxes, que fala da robotización ou da maquinización da que é obxecto a muller, da explotación sexual, da cousificación, do hiperconsumo, dos abusos e de historias estremecedoras como a que representa Ionela Olguta.
Son ríspetos, salvaxes e violentos estes versos de Iria Bragado. Non podían ser doutra maneira ao radiografar, con desesperanza, un presente en tantos casos ominoso.