Se a figura de Del Riego ocupaba un primeiro plano, entre as voces máis novas, pola súa actividade política, estudantil e cultural nos anos centrais da República, a de Álvaro Cunqueiro revestíase dunha proxección indiscutible pola súa orixinalidade e polos seu valores literarios. No ano 1933 -evocado por ser o da publicación de libros igualmente fundamentais de Iglesia Alvariño, Bouza Brey ou Manuel L. Acuña- vira a luz Cantiga nova que se chama Riveira e Poemas do si e non; un ano antes, Mar ao Norde. Con esta bagaxe era xa a súa unha presenza recorrente en numerosos medios escritos, reclamada mediaticamente e requirida para diversas actividades e asociacións culturais, tamén fóra de Galicia.
Neste sentido, Cunqueiro realiza unha viaxe, non moi coñecida, á cidade de Barcelona, en xuño de 1934, presentado como unha das figuras indiscutibles da poesía galega. Nesa misión cultural Cunqueiro compartiu unha axenda apertada xunto con diversas actuacións do coro “Toxos e Froles” e unha importante exposición dos pintores Souto e Colmeiro.
Foron tres as intervencións, saudadas con entusiasmo pola prensa catalá, que protagonizou nun breve espazo de tempo. A primeira solicitáraa a sociedade “Amigos de la Poesía” e tivo lugar na libraría Catalonia baixo o título, tan a modo tan cunqueiriano, “La poesía, yo mismo y otras noticias”. A segunda demandáralla a organización cultural e xuvenil “Palestra” e celebrouse nas “Galerías Layetanas” onde desenvolveu o tema “Nuevo movimiento cultural en Galicia” e finalmente, no denominado “Pazo Galleguista”, falou de “Las Patrias Naturales”.
Nesta última recreaba o concepto de patria natural como unha confluencia de mitoloxía, xeografía, lingua e cultura. Así definía a nosa -atlántica e insular- porque “fixo cousas humildes e marabillosas e ben feitas”. Sentenza que exemplificou aludindo ao segredo que contiñan a construción dos Stradivarius e que non era outro que… o de estaren ben feitos. Por outro lado, diante da ameaza da perda dunha patria, isto é, da súa disolución pola uniformización, aseguraba que sería coma para un pintor perder unha cor: “E non está a cultura do mundo tan sobrada de matices que poida ningún desdeñarse”, engadía. Este era a voz do Cunqueiro que representaba as nosas letras, e a nosa cultura, nos anos trinta do século XX.
Este artigo publicouse nas páxinas de Cultura, de La Voz de Galicia, o 9 de abril de 2023.
Ao fío desta presenza de D. Álvaro en Barcelona, recordo que hai anos pescudando datos en internet, din cun texto no que Cunqueiro amosaba a súa admiración polo cantautor Raimon.
Pois descoñecía o dato, prezado Xoán Manuel. Bo era que fixeras un artigo con esa información. Unha forte aperta!
Fallan datos.
Apertas.