Antoloxía poética, de Antón Tovar

Antón Tovar

Antoloxía poética (edición de Delfín Caseiro)

Xerais, Vigo, 168 páxinas, 18,95 euros, 2023

A iniciativa de ofrecer unha escolma poética dunha das grandes voces da poesía galega do século XX como foi Antón Tovar resulta, inequivocamente, un verdadeiro acerto. Particularmente, un que coñecía con maior profundidade ao autor pola súa prosa, polo seu Diario íntimo dun vello revoltado e por un fundamental libro de entrevistas que lle realizou Xosé M. Del Caño, alén da pegada da súa relación amigable e literaria co poeta Manuel Lueiro Rey, confeso que foi esta unha lectura moi satisfactoria, reveladora e, nalgunha medida, sorprendente pola autenticidade do seu estro poético.

A oportunidade de obter unha visión global con garantías da súa obra poética non debería pasar desapercibida. A publicación desta Antoloxía poética conta, ademais, cun completo e suxestivo prólogo de Xesús Alonso Montero, amigo e compañeiro do poeta desde os anos sesenta, que ofrece reflexións que cómpre ter moi en conta para entender cabalmente a figura do escritor e do ser humano.

Ao mesmo tempo, o profesor Delfín Caseiro, bo coñecedor desde hai anos do corpus poético e literario do escritor de Rairiz de Veiga, é o responsable tanto da escolla destes poemas como dos seus criterios de edición, alén de incorporar un sintético e útil achegamento biográfico ao autor escolmado. O seu traballo, por certo, non é doado pois dentro da vizosa e prolífica obra poética de Tovar escolle un total de sesenta e sete poemas agrupados en diversos eixos temáticos como son a busca da identidade, o intento de recuperación dos espazos doutro tempo, a infancia ollada como o paraíso, o súa solidariedade cos menos favorecidos na historia, o panteísmo animista, o nihilismo ou as claves do seu pensamento relixioso, alén doutros que reparan no amor e no erotismo, na innegociable reivindicación lingüística ou nos seus cantos contra as aldraxes, fóra doutros textos de circunstancias.

Queda neste libro, penso que de excepcional utilidade para o ámbito escolar mais tamén para calquera persoa interesada na poesía galega, reflectida con acerto a pluralidade temática e os valores literarios  dunha voz que é, non teño dúbida, un patrimonio das nosas letras que reclama maior atención.

Este texto publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, na sección “Ex umbra in solem”, o 28 de abril de 2023.