Breve escolma de e sobre Fernández del Riego

A incensante actividade literaria, cultural e política que desenvolveu Fernández del Riego facía pensar que o mercado editorial ía ofrecer numerosas achegas sobre a obra e a figura do laurentino. Así foi e velaquí unha pequena escolma delas.

«FRANCISCO FERNÁNDEZ DEL RIEGO. AO MEU XEITO REBELDE»

H. MONTEAGUDO E X.M. SALGADO (COORDS.)

A USC, onde Del Riego foi líder estudantil e docente, súmase a esta roda de recoñecementos cun libro de autoría colectiva -participan Camiño Noia, Víctor F. Freixanes ou Alonso Montero, entre outros- que tamén ilumina os anos en que foi discente da Universidade coa exhumación, entre outros documentos, de diversas prosas memorialísticas e xornalísticas.

EDITORIAL UNIVERSIDADE DE SANTIAGO DE COMPOSTELA

PREZO 20 €

«DE COMPOSTELA AO EXILIO INTERIOR. FRANCISCO FERNÁNDEZ DEL RIEGO»

ANTÓN MASCATO

O editor e escritor Antón Mascato publicou, no ano 2000, a primeira biografía de Del Riego. Agora dá a coñecer un detallado estudo biográfico, esteticamente moi coidado e que incorpora unha abondosa reprodución documentos gráficos que, ademais, se beneficia, na súa redacción, do trato directo que durante moitos anos mantivo coa figura do homenaxeado.

EDITORIAL ALVARELLOS

PREZO 23 €

«FRANCISCO FERNÁNDEZ DEL RIEGO. GALEGUISTA DE ACCIÓN E CULTURA»

XOSÉ L. FRANCO GRANDE / ANXO X. RAJÓ

Xosé Luís Franco Grande publicou no ano 2001 unha aproximación biográfica a Del Riego que, durante moitos anos, constituíu un texto de referencia. Este traballo reedítase complementado cun estudo actualizado da man de Anxo X. Rajó, que actualiza o perfil vital de don Paco e ilumina globalmente outras parcelas do seu labor literario e cultural.

EDITORIAL IR INDO

PREZO 22,10 €

«GALICIA»

FRANCISCO FERNÁNDEZ DEL RIEGO

Ao meu entender un dos seus libros máis emblemáticos. Publicado en Xerais no ano 1994 reedítase nun formato máis manexable. Nel articúlase unha peregrinación por Galicia, a xeito de crónica de viaxes, con doce itinerarios que posibilitan coñecer a nosa realidade xeográfica, humana, monumental e histórica; tamén gorentar a coidada prosa do escritor.

EDITORIAL XERAIS

PREZO 19,50 €

«FRANCISCO FERNÁNDEZ DEL RIEGO. O HOME QUE VALÍA POR MIL»

ANTÓN MASCATO / PEPE CARREIRO

Velaquí unha estratexia moi suxestiva para divulgar a figura de Del Riego entre o público afeccionado á banda deseñada e non só. Todo un reto sintetizar, discursiva e plasticamente, unha biografía tan intensa e plena que non deixa capítulos relevantes fóra.

EDITORIAL GALAXIA

PREZO 16,90 €

«FRANCISCO FERNÁNDEZ DEL RIEGO. LEMBRANZAS E REFLEXIÓNS»

HÉITOR MERA / JOSÉ LUÍS ABALO / XAN LEIRA

Héitor Mera incorpora neste libro unha operativa síntese biográfica, con testemuñas videográficas de Del Riego en código QR gravadas no seu día polo documentalista Xan Leira. Ademais, agasállase unha reportaxe fotográfica realizada por José L. Abalo.

EDITORIAL MEMORIA DOCUMENTAL DE GALICIA

PREZO 15 €

«NA ESPERA DO AMIGO»

FRANCISCO FERNÁNDEZ DEL RIEGO

Acertado tributo que se rende a don Paco coa edición facsimilar dun dos escasos relatos que nos legou. Incorpora unha serigrafía de Laxeiro, un limiar de Rosario Álvarez e achegas que asedian a relevancia desta publicación desde diversos ángulos a cargo de Román Pereiro, Xosé López, Carlos L. Bernárdez e Beatriz Liz de Cea.

EDITORIAL CONSELLO DA CULTURA GALEGA

PREZO EDICIÓN NON VENAL

Este texto publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, o 12 de maio de 2023.