O outro Del Riego

Boiro, 1933. Cos irmáns Martínez López, a nai destes a carón de Del Riego e dúas mulleres sen identificar.
Concello de Vigo-Fundación Fernández del Riego.

Nos tempos da República Don Paco tamén foi un mozo con intereses propios da súa idade que, como contan as crónicas, engaiolaba polo uso da oratoria mais tamén sabía do poder que poder atesourar a palabra escrita.

Revisando as colaboracións xornalísticas de Del Riego na prensa republicana, esparexidas nunha cantidade absolutamente inxente, un decátase que a maioría delas están dominadas pola fidelidade a unha idea que abrazou desde moi novo: pórse ao servizo do seu país. Difundía nelas as trabes que sostiñan a doutrina política derivada das Irmandades da Fala; outras apuntaban cara á análise da política do momento e aínda outro grupo guiábase pola intención -como alumno e profesor- de galeguizar a Universidade de Santiago. En menor medida, alimentábaas igualmente con textos articulados sobre  literatura novidades editoriais, asuntos polos que tanto transitaría na posguerra.

Neste sentido sorprenden pola temática, tonalidade e feitura dúas colaboracións publicadas nun suplemento cultural que en Ourense co-dirixiron no ano 1933 o poeta e mestre Manuel Luís Acuña e Xoán Luís Ramos Colemán, galeguista e posteriormente notario.

Eses textos revelan o que tamén don Paco era naquel momento, alén dese activista convencido que militaba con entusiasmo nas causas sinaladas. Isto é, un mozo de vinte anos que, como é natural, abrigaba outras esperanzas que apuntaban a asuntos de índole privada situados na orde dos sentimentos. Dalgún xeito estes artigos son unha rara avis na súa produción pola súa singularidade e por asomarse a ámbitos de carácter moi persoal. Neles, así pois, latexa unha voz espida, exposta en clave confesional, dominada por un ton que abala entre o melancólico e o sentimental.

O primeiro dos textos parece escribirse desde a cidade de  Compostela onde as ausencias o obrigan a ver certas realidades doutro xeito; o outro xéstase nun contexto moi concreto como é o verán de 1933, na vila de Boiro, onde pasaba uns días de descanso na casa dos irmáns Martínez López.

Así pois, en agosto de 1933, dá a coñecer unha colaboración baixo o título “A derradeira imaxe das ausencias”, e coa cabeceira “Saudades”, dedicado “A Evely, lavandeira leda”, claramente Evelina Ervella, coa que casaría sete anos despois. Ateigado de referencias de líricas, exhibe un manifesto ton melancólico e soidoso. Estruturada en catro partes cun carácter circular, escríbese desde unha distancia que vai máis alá do físico e en plena soidade. Confésase como unha “alma en penitencia” que anda á procura doutra” no que chama unha “estadea de somas”. As citas ou referencias literarias son recorrentes e van de Bernardim Ribeiro -con quen dialoga desde un epígrafe pois a novela máis coñecida deste é Saudades, título real do seu Menina e Moça– pasando por Husset ou Pina de Morais. O abatido estado de ánimo fai que entenda, por fin, a “sinfonía de séculos na paisaxe de granito” que é Compostela, sometido a un pesimismo que non é de “Leopardi, nin de Schopenhauer, de Recanau nin de Nietzsche”, antes ben, un pesimismo sinxelo “con recendo de nostalxias e distancias”.

        Na segunda prosa, cunha cabeceira bautizada como “Boiro” e baixo o título de “Cinza de ollares consumidos”, percorre, dalgún xeito, eses mesmos motivos cun maior peso descritivo e alta capacidade metafórica. Dedicado a “Carmiña, Pura, Lulú, Rosiña, Elena, Maruxa, Concha e Visita” articula, a xeito de ladaíña, un canto nostálxico polo mar inspirándose nun solpor boirense que arrastra evocacións de posibles estados do mar e, por extensión, do ánimo persoal para concluír sentenciando que é alguén que ten preferencia por “soio mar” e unha “soia muller”. Á espreita de “recordos e degaros” conclúe unha composición realmente infrecuente e que revela expectativas dun mozo que, cando a ocasión o esixía, sabía usar a palabra para convencer e engaiolar.

Este texto publicouse o 12 de maio de 2023 no suplemento Fugas, de La Voz de Galicia.