Fernández del Riego e 1931: o ano da transformación

Retrato de Francisco Fernández del Riego tomado no ano 1931 e extraído do libro de Antón Mascato «De Compostela ao exilio interior» (Alvarellos Editora / Consorcio de Santiago).

Sendo aínda un mozo, e tras o seu paso por Madrid, chega a Santiago, onde se produce un salto significativo no seu compromiso cívico e político

Que transformación se operou en Francisco Fernández del Riego o ano en que se matricula na Universidade de Madrid para cursar primeiro de Dereito? Velaí o curso 1930-31, velaí uns tempos e acontecementos convulsos que vive, con apenas dezasete anos, con natural curiosidade, compromiso estudantil e, nalgúns casos, con abraio. Entre estes últimos, confesa nas súas memorias, cóntase o tratamento despectivo, burlesco en moitas ocasións, que outros estudantes fan del, e doutros galegos, polo seu acento, pola súa orixe. Mantén sempre,  neste período de formación académica, de vivir novas experiencias  e de aprendizaxe, ese hábito voraz que segue a cultivar como é o da lectura. Así é como se achega, daquela, á lectura dos nosos clásicos -Rosalía, Curros ou Pondal- e mais tamén de varios ensaios de pensamento político debidos a Vicente Risco ou a Villar Ponte. A alquimia que se produce será rápida, sólida e de efecto duradeiro: ao seu retorno de Madrid organizará o primeiro mitin político celebrado en Vilanova de Lourenzá o 25 de xullo de 1931.

            É anecdótica, por outro lado, a súa presenza como articulista en lingua castelá na prensa da República abrazando a lingua galega para os fins divulgativos e de promoción do pensamento nacionalista; mesmo as súas colaboracións de tema literario -tan do gusto do autor- pasan en gran medida a un segundo plano pois as necesidades eran outras. Testemúñase este cambio nas páxinas de Vallibria, publicación mindoniense dirixida por Xosé Trapero Pardo na que coincide con outras voces da literatura galega que darían os mellores froitos anos despois como Cunqueiro, Díaz Jácome ou Aquilino Iglesia Alvariño. En Vallibria Fernández del Riego publica unha colaboración -unha das primeiras nese medio probablemente, tras outros textos escolares seus que viron a luz en Páginas Calasancias e noutros xornais, moi esporadicamente, como La Región ou La Voz de la Verdad. O texto titúlase “Antígona, la inmortal tragedia de Sófocles” e ve a luz o 11 de xaneiro de 1931, aínda en castelán, dominado por un inequívoco pulso literario na que fai gala dun rexistro formalizado para recrear, a xeito de paráfrase, algunha das formulacións que latexan na obra de Sófocles como son a desobediencia civil, a xustiza, o respecto ás leis civís ou a fidelidade ás propias conviccións.

O salto desde aquel mes de xaneiro á, posiblemente, primeira colaboración que realiza en A Nosa Terra, redactada en decembro de 1931 e asinada en Santiago de Compostela, cidade á que chegara había escasos meses, é verdadeiramente significativo. Baixo o título de “Ao comenzar o ano” olla o futuro con optimismo nun contexto onde o Partido Galeguista acababa de fundarse, e no que vai militar con carné desde o 1 de xaneiro de 1932, malia ser consciente de ter que atravesar un tempo de “doores e sacrificios”.  Con entusiasmo afirma que hai satisfacción entre as persoas comprometidas coa doutrina política derivada das Irmandades da Fala: “xuntamos as nosas vountades i-os nosos latidos e fixemos un feixe d-aspiraciós, deixando â veira tudo lirismo” para apelar, finalmente, aos conceptos de tenacidade e firme vontade: trazos que sempre camiñaron canda el pois, daquel momento en diante, mesmo nos momentos máis difíciles, nunca desfaleceu.

Este texto publicouse nas páxinas de información cultural de La Voz de Galicia, o 17 de maio de 2023, Día das Letras Galegas dedicado a Fernández del Riego.