Evocación de Luísa Villalta

Por razóns que non veñen ao caso levo algún tempo afastado das redes e, ao mesmo tempo, sen alimentar este blog. Fágoo hoxe, case nas vésperas do Día das Letras, para deixar memoria, case unicamente gráfica, de Luísa Villalta, a quen coñecín no Galeusca de escritoras e escritores que se celebrou en Vitoria-Gasteiz, entre o 28 de outubro e o 1 de novembro de 1994. Van alá trinta anos.

Particularmente sabía de Luísa pola publicación de dous libros seus en 1991: Música reservada -que me enviara o servizo editorial de Ediciós do Castro- e Siléncio, ensaiamos, que me agasallaran e que me gustara moito, cousa que tivera ocasión de dicirlle persoalmente e respecto do que quedara un tanto sorprendida.

Deses días en Euskadi lembro o seu trato exquisito e educado, o dunha persoa extraordinariamente formada e culta, irónica cando cumpría, rigorosa e contundente nos seus argumentos e que tamén sabía divertirse. Unha tarde libre daquel encontro literario un grupo de persoas -X.R. Pena, Carlos L. Bernárdez, Luísa, Xavier Alcalá e mais eu- alugamos un coche e marchamos a Donosti, onde alguén nos tirou a foto superior, e creo que pasaramos ata Biarritz, pero non estou moi seguro. Do que si estou certo é de que ben merecía que a Real Academia Galega reparase na súa figura e obra para este ano (abaixo deixo unha foto que nos tirou María Xosé Queizán en Vitoria-Gasteiz un daqueles días). Moitas primaveras máis para a memoria de Luísa.