Ángel Llanos. Fotógrafo, por Xerardo González Martín

Ángel Llanos. Fotógrafo

Xerardo González Martín

Galaxia, Vigo, 2010, 260 páxinas, 29 euros.

Os libros que rescatan a memoria a través da fotografía resultan sempre emocionantes e non é difícil atopar neles unha sorpresa, descubrir un ángulo descoñecido que de súpeto se ilumina. Isto é o que me ocorreu con Ángel Llanos. Fotógrafo, de Xerardo González Martín pois entre o abondoso material fotográfico que se recupera entre hai imaxes, fixadas no tempo, que aos que vivimose nacemos  nunha cidade como Vigo non nos pode deixar indiferentes.

Con todo, primeiramente, cómpre subliñar o lúcido, exhaustivo e documentado labor realizado por Xerardo González Martín pois é a súa man, apelando ao intenso coñecemento que posúe sobre a historia local, a que nos dirixe a través de dous traballos que prologan o volume polos vieiros da saga fotógráfica dos Llanos en Vigo -as súas orixes, o seu asentamento, o resultado do seu traballo e a súa importancia social- e pola relevancia que Ángel Llanos, herdeiro desa estirpe e nomeado “fotógrafo todo terreo”, tivo para a historia viguesa deixando boa mostra do perfil profesional e  biográfico de Llano, xunto cunha atinada interpretación do seu traballo. 

O groso do libro, como é lóxico, constitúeno as fotografías, algo difícil de trasladar a palabras abofé, pois cómpre velas, sentilas e admiralas. A galería de imaxes seleccionadas estrutúranse a través do criterio temático, incorporando así aquelas que teñen como eixo a vivencia da guerra civil tanto ao comezo como ao final do volume. Polo medio aqueloutras centradas no crecemento e transformación de Vigo, na tradición cultural e deportiva, na sociedade, no mar, no comercio e as festas populares e a vida oficial. Imposible que non haxa ocasión, como dicía arriba, para a sorpresa pois os testemuños silenciosos que aquí se concentran amosan a cidade irrecoñecible que era a comezos do século XIX, sen esquecer aqueles lugares que lamentablemente desapareceron pola especulación, as imaxes do Vigo e do Fortuna que deron lugar ao R.C. Celta, os cines e salas de baile desaparecidos, as romarías de San Roque, o tráfico portuario, os asteleiros de Barreras, os espazos para as transaccións comerciais, a modernización da cidade, os que exerceron o mando local…

Xerardo G. Martín

Cento e unha ocasións, pois, para recuperar a memoria dunha cidade que o necesita e a través de alguén, como Ángel Llanos, que entendeu sempre a fotografía como “luz escrita”. Velaquí o espléndido resultado.