Contos e descontos, de Claudio Rodríguez Fer

 

Claudio Rodríguez Fer

Contos e descontos

Toxosoutos, Noia, 2011, 342 páxinas, 14 €

A rigorosidade, didactismo, claridade e fondura analítica que dominan a abondosa produción ensaística de Claudio Rodríguez Fer, xunto co seu prolongado e singular percorrido desenvolto no ámbito da expresión lírica, no que se moveu –acudindo a unha simplificación xeneralista de máis- nas estremas do erotismo, a memoria e mais o compromiso social e político, talvez foron situando nun inmerecido segundo plano as súas achegas narrativas. Este libro, presentado baixo o título de Contos e descontos e publicado por Toxosoutos, dalgún xeito pon ao día e reclama a atención dos lectores cara a un corpus, sen dúbida, exhibe unha continuidade evidente co resto da súa obra creativa.

   Xúntase aquí, así pois, obras xa publicadas con anterioridade como Meta-relatos, en que esencialmente se reflexiona sobre o propio proceso narrativo e ficcional, ou a máis recente Os paraísos eróticos, en que se reactivaba o asunto erótico fundíndoo con elementos de carácter heteroxéneo como a antropoloxía cultural galega, os ecos lendarios, o relato de medo ou aqueloutros de filiación metaliteraria, cruzados con abondosas referencias de carácter pictórico, filosófico, poético, narrativo, cinematográfico ou cultural en xeral.

   A carón destes textos ofrécense algunhas pezas inéditas que, malia procederen dun tempo recuado na biografía do autor, non desmerecen nin un chisco neste volume compilatorio como testemuñan os contidos en Prometeo adolescente, composto por prosas contidas en tres apartados. Este título conforma un suxestivo e sorprendente libro que conxuga microrrelatos con outras propostas nas que resulta rechamante a asunción de riscos temáticos, técnicos e estilísticos que van de Lovecraft a Cortázar, de Kafka a Joyce  ou de Borges a Chejov por só sinalar algúns, ademais de motivos que magmatizan outros xéneros transitados por Rodríguez Fer como son o universo mítico e lendario, os ecos libertarios ou o territorio da guerra civil e a posguerra en Galicia,  trazo tamén transparentado no conclusivo “O neno que non quería ir á guerra”, inédito ata agora e, seica, dotado de certo arrecendo autobiográfico.

   O autor lucense, proclive sempre á brevidade e o esencialismo, puntos de referencia que tan rendibles resultan para achar ese relampo preciso de forza e intensidade e asemade poder mantelo até o final, condensa nestas páxinas un percorrido narrativo rico, plural e semanticamente variado. Só é de esperar que esta “narrativa completa”, co paso dos anos, sexa felizmente incompleta porque o autor seguiu, coa súa singular autoesixencia, a traballar nestas leiras.

 

Esta recensión, baixo o título de “Rodríguez Fer ao completo” publicouse nas páxinas do suplemento “Culturas”, de La Voz de Galicia, o 3 de setembro de 2011.