As uñas crecen, de Silvia Penas e Río Alzheimer, de Carlos Pereira Martínez

Silvia Penas

As uñas crecen

Sotelo Blanco, Compostela, 44 páxinas, 6 €

 

En tempos de dificultades son os xéneros considerados menores os que sofren golpes máis letais. Esta é unha evidencia no ámbito teatral e ensaístico en lingua galega e no que se refire á poesía, alén do recurso á autoedición e a aposta vital e xenerosa que algunhas casas editoras seguen facendo polo xénero, a edición dos textos premiados en concursos literarios segue a vivificar o panorama destas publicacións. Velaquí, hoxe, dous exemplos.

AS UÑAS CRECEN

Estréase un novo galardón literario, que honra a memoria de Manuel Lueiro Rey, organizado polo concello pontevedrés de  Fornelos de Montes -vila que viu nacer ao escritor- en colaboración coa Asociación de Veciños “O Cruceiro da Laxe”. E a estrea goza, ao meu ver, de excelente fortuna ao premiar un interesante poemario que subscribe a profesora viguesa Silvia Penas, quen dá ao prelo o seu primeiro libro publicado independentemente, aínda que a súa presenza en recitais e noutras publicacións vén sendo constante nos últimos tempos..

        Este As uñas crecen, luminosamente prologado por Mercedes Queixas, articúlase como unha metáfora que orbita arredor do concepto do proceso, do paso do tempo, da mutación e a evolución, asuntos que camiñan parellos cara á explotación temática dunha inequívoca proximidade da sensación de perda e esvaecemento. Para este obxectivo adóptase unha estrutura circular que articula esa dinámica de ser vivo que avanza sen cesar: unha escolla de feliz resolución, como o é tamén esa plasmación do devezo teimoso por afuradar na propia linguaxe para conseguir efectos vibrantes, máis evidentes ao meu ver de realizarse unha lectura en alta voz destas composicións. Penas dialoga coa tradición e coa modernidade máis absoluta neste poemario, enche as liñas en branco do poema cunha voz que reclama e reivindica a relevancia da poesía per se.

 

Carlos Pereira Martínez

Río Alzheimer

Alvarellos, Compostela, 76 páxinas, 9 €

 

Intenso, emocionante e transparente parécenme adxectivos acaídos, entre outros moitos, que poderían definir este Río Alzheimer, de Carlos Pereira, poemario galardoado co primeiro premio na XXXVII edición do Certame Literario Concello de Vilalba e que acaba de publicar Alvarellos Editora, a carón do finalista nesa convocatoria (Entre as paredes do silencio, de Martiño Maseda) e doutros dous poemarios da edición posterior do certame: unha afouta aposta de Alvarellos pola difusión do xénero á que lle desexo moita fortuna.

       Río Alzheimer ergue, así pois,  un canto descritivo e emocional desa desvastación que supón o alzhéimer. Xorde aquí un discurso emitido desde a profundidade cognitiva e a lucidez de quen sabe espellar acenos e pegadas visibles, mais tamén aquilo que non se ve para reflectir  o trebón que supón a enfermidade no proceso da súa descuberta, na súa evolución e no desenlace concretado na figura da nai do autor. Velaquí, así pois, unha voz directa, de ton confesional e descarnado que agroma nun inicial “Diario de avisos” para atravesar “O dominio da sombra” e abocarse a un final titulado “Ner Tamid” que, malia o previsible, non perde nin un ápice a conmoción e transparencia que percorren desde a cerna todos e cada un dos poemas que o constrúen.

        O limiar da poeta Eva Veiga que acompaña esta edición, de lectura imprescindible, é toda unha lección interpretativa do que vén despois: unha viaxe que se mergulla na memoria e na dor, aínda punxente.

 

Estas recensións publicáronse nas páxinas do suplemento “Culturas” de La Voz de Galicia o 28 de setembro de 2013 baixo o título de “Poesía galardoada”.