Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

Liquidación de existencias, de Ramón Caride

Ramón Caride

Liquidación de existencias

Xerais, Vigo, 2015, 152 páxinas, 16,65 €

 

Velaquí unha nova entrega de Ramón Caride na que brilla o escalpelo crítico aplicado a unha sorte de «Apocalipse Selfie», operativa para retratar os nosos días.

Relatos e mais unha novela curta ou, se se quer, unha novela curta entre a que se dispoñen outras historias breves. No fondo tanto ten a estrutura, aínda que resulte ben traída esa imaxe de fragmentación como metáfora da realidade, pois Caride Ogando articula un libro compacto onde prima a vontade de espellar eses ángulos máis escuros que non adoitan iluminarse literariamente e que beben no mundo do cotián. Eses que atopamos nas páxinas dos xornais aludindo á perentoria necesidade de triunfar a todo custo, á afouta resistencia que algunhas persoas demostran en condicións extraordinariamente adversas ou á procura da supervivencia noutras.

      Velaquí un compendio heteroxéneo de reaccións e comportamentos; presentes como motivos nos relatos que van do racismo á extorsión, das escravitudes laborais á mercantilización do sexo, das prácticas de suborno á prevaricación, do deseño das contradicións humanas ao falso mundo das aparencias, do mercado negro de órganos ás incompatibilidades persoais ata acabarmos nunha recreación da «xustiza pola man» rosaliana. Todo completado, na novela curta que se acrecenta, cunha historia que reflicte as reviravoltas dun secuestro exprés: motivo que resulta operativo para afondar na reflexión sobre outras realidades da condición humana que están aí.

       Raro sería que nesta nova entrega de Caride non confluísen trazos que o caracterizan como a habilidade compositiva, a fluidez nos diálogos, o dinamismo na disposición argumental ou a verosimilitude das historias ideadas, mais talvez destaque ese pouso desacougante que paira por estas páxinas e que interroga con efectividade sobre moitos asuntos de hoxe. Ese é, ao meu xuízo, un gran valor.

Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, o 18 de marzo de 2016, baixo o título de “O cotián como inspiración”.

Advertisements

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: