De catro a catro (manuscrito inédito), de Manuel Antonio

Manuel Antonio

De catro a catro (manuscrito inédito) (edición de Anxo Tarrío)

Alvarellos Editora-Consorcio de Santiago, 2016, 170 páxinas, 21 €

Deparábanos este final de ano o que entendo como unha verdadeira e grata sorpresa da man de Alvarellos Editora e o Consorcio de Santiago, neste caso coa colaboración da Universidade de Santiago.  Trátase da reprodución facsimilar do manuscrito orixinal de De catro a catro de Manuel Antonio cuxo orixinal estaba en posesión dos herdeiros de García-Sabell.

    Teño para min que esta achega, globalmente, é unha auténtica alfaia pois resultou todo un acerto a reprodución que respecta fielmente o formato orixinal en que foi escrito entre os anos de 1926 e 1927, isto é, un caderno contable con capa dura. Do traballo de transcrición textual, identificando as súas variantes e ao que se suma a reprodución de varias fotografías e documentos pouco divulgados, responsabilizouse con evidente acerto e rigor o catedrático Anxo Tarrío.

    Revisar as follas deste caderno resulta, para min, moi emocionante. Empregado para a edición definitiva da Editorial Nós, baixo a supervisión do autor, este é un texto caligráfico elocuente de seu, e éo en moitas dimensións pois alén do inherente valor obxectual, posúe esoutro que permite analizar o coidado tratamento que lle Manuel Antonio lle outorgaba a diversos elementos textuais e paratextuais e, por outra parte, posibilita unha nova lectura, e talvez desde outra perspectiva, dun libro absolutamente clave e único para a literatura galega do século XX que nunca pasa nin pasará de moda. Inmellorable maneira de concluír un ano coma este con este coidado volume na man. Grazas a todas as persoas que traballaron nel e fixeron posible concluír o proxecto. O resultado, non o dubido, é formidable e merece o maior dos aplausos.