Versos para conversar, de Xoán Carlos Domínguez Alberte

versos-para-conversarXoán Carlos Domínguez Alberte

Versos para conversar

Galaxia, Vigo, 80 páxinas, 9,50 €

 

 

Dominado por unha vontade que abraza o diálogo e a conversa, isto é, eses puntos de unión que a palabra posibilita e que se amosa como elemento clave que estrutura esta entrega poética, Xoán Carlos Domínguez Alberte exhibe, neste libro, unha boa mostra da súa versatilidade ao internarse, con paso firme, no eido da literatura infantil  polo que os seus principais destinatarios serían estes mais, evidentemente, non só. Versos para conversar, así pois,  emprega as ferramentas do xénero cunha perspectiva que deixa explícita nun paratexto: “Para que falarmos / con poesía / sexa un lazo / cotián de unión / entre nós.”

     Ese “falarmos”, así pois, artículase como un percorrido pola palabra poética, a través dun rexistro lingüístico brillante que non dá as costas á incorporación de dialectalismos vivos na fala e que procura asentar e promover os nexos interxeracionais, cunha ollada posta tanto na tradición popular recreada literariamente como na relevancia que o idioma e a súa transmisión posúen. Para esta viaxe o autor proponnos diversos percorridos: o primeiro, titulado “amizades”, repara a través dunha voz lírica que é unha nena, ou dúas, ou todas, nunha pluralidade de elementos da natureza aos que se aproxima desde unha visión que implica descuberta e revelación, exhibindo xa as armas dos xogos lingüísticos, a querenza indisimulada polo fantasía, o mundo dos xogos -pois é este un libro moi lúdico- e, noutra lectura, amosa un amplo abando de recursos retóricos escollidos con  precisión como as frecuentes aliteracións, onomatopeas e paralelismos que outorgan un latexo sonoro ás presenzas da curuxa, a bubela o cuco ou o galo.

     A sección “Voces” olla ao mundo da etnografía ou antropoloxía para reactivar as historias de lobos, do home do saco ou dos homes do unto, con trabalinguas aquí e acolá; poemas que preceden aos “brinquedos”, dominados por un alento optimismo e panteísta para deixarnos, en “A lúa e a nena”, un testemuño vital de sonoridade que conclúe nos “Soños”, espazo se cadra onde se agrupan os poemas de filiación máis onírica e fantástica.

      As cousas, os animais, os sentimentos, mesmo os conceptos a priori abstractos, existen porque os nomeamos, pola existencia da palabra e velaquí, se callar, unha das claves deste excelente libro poético: axuda a nomear as cousas para que existan ou volvan existir, facéndoo con “palabras vivas” instaladas para sempre no “país das carqueixas”.