¿E haberá tirón de orellas?, de María Victoria Moreno

María Victoria Moreno

¿E haberá tirón de orellas? (ilustracións de Carme Peris)

Galaxia, 2º edición, 32 páxinas, 9 €, 2017

 

Comezan a chegar algúns libros, neste caso reedicións, da obra literaria de María Victoria Moreno coa ollada posta no próximo horizonte do Día das Letras 2018.  A carón dunha precisa reedición de Leonardo e os fontaneiros, a editorial Galaxia acolle ¿E haberá tirón de orellas?: álbum ilustrado publicado orixinalmente no ano 1997 e que, hoxe por hoxe, resultaba imposible atopar.

María Victoria Moreno aborda neste libro unha historia sinxela protagonizada por unha cadela chamada Alma. A través dela a autora simboliza o ser e sentirse diferente e ignorada, en permanente soidade, ao tempo que se subliña, desde o propio título, o perenne temor ás consecuencias que pode carrexar o feito ser quen de reaccionar e procurar camiños distintos e liberadores.

A través de tres grandes seccións como son “solpor”, “noite” e “amencer” e exhibindo un rexistro lingüístico admirable, Moreno bota man do recurso á fábula encadrada nun mundo rural un tanto idealizado onde a protagonista non se sente aceptada, mais desde a que se cultiva a amizade que establece cun pequeno pardal. Alma e o pardal andarán á busca da liberdade, que é outro motivo aquí omnipresente, como resposta á  soidade e á incomprensión.  Oportunísima, sen dúbida, esta reedición.