Un poema -descoñecido e non compilado- de Celso Emilio Ferreiro (1931)

Javier Nogueira, amigo e ex compañeiro docente, sabedor do meu interese polo universo ferreiriano, faime chegar un poema de Celso Emilio Ferreiro para min descoñecido e que non puiden, por esa razón, incorporar á edición da Obra poética completa que se publicou en Xerais hai algún anos. O poema copiouse a metade dos anos setenta, a man, desde un volume onde se gardaba encadernado.

Tal e como me indica Nogueira o poema viu a luz na publicación na segunda época do semanario Nueva Cañiza inmediatamente despois de que as forzas máis reaccionarias gañasen as eleccións municipais na vila no ano 1931. Sospeito que esa é a época na que a publicación muda o subtítulo anterior polo do Semanario local independiente, defensor de los intereses obreros y agrarios de la comarca e vai estar dirixido por Gerardo Fuertes. O poema conservouse mercé Dona María, que foi mestra da Cañiza naqueles anos, sendo director do semanario o seu marido, o devandito Gerardo Fuertes.

O poema, composto en Celanova o 28 de maio de 1931, publicouse no semanario o 7 de xuño dese mesmo ano e,  inexcusablemente, pertence á época na que o autor procuraba a súa propia voz marcada por unha fonda preocupación social e política. Asemade, a composición amosa unha evidente filiación co coñecido poema “O maio” (Aires da miña terra) do seu admirado Curros Enríquez co que se establece un diálogo compartindo a mesma tonalidade anticlericalista e unha vontade socialmente reivindicativa. Grazas por permitirme traelo a este blog sendo escrupulosamente respectuosos coas solucións lingüísticas coas que apareceu publicado.

¡Oh, mayo de Curros

con q-anseas te espero!,

teu mayo con frores

e verde nos eidos

teu mayo cun povo

d`o fisco redento;

teu mayo sin proves,

que ximan famentos.

¡Oh  mayo de Curros

con q-ánseas te quero!,

por bo e por xusto

por grande por tenro.

Pero por desgracia

teu maio está lexos:

pois aínda fai frío…

inda estamos no inverno…

Por q-inda hay ilotas

sin lus n`as ideas

que siguen forxando

suas propias cadeas.

Sigue sendo Galicia

unha quinta, un feudo

y-os proves paisanos

siguen sendo sereos.

Sigu-habendo frades

sigu-habendo cregos

-ises paxaros tráxecos,

ises paxaros negros-

que mercan as almas

e venden os ceos.

Sigu-habendo iglesias

campanas y-e infernos

sigu-habendo bruxas

beatas y-e demos.

¡Oh mayo de Curros

con q-anseas t`espero!

Teu mayo sonado…

d`un pobo liberto

d`un pobo sin fame

d`un pobo redento.

Pero aínda fai frio…

inda estamos no inverno.

 

Celso Emilio Ferreiro Míguez

Celanova 28 – 5 31