Noite de temporal, de Manuel Núñez Singala

Manuel Núñez Singala

Noite de temporal

Oqueleo, Santiago de Compostela, 136 páxinas, 10,50 €, 2017.

 

En pouco menos de tres anos chegaremos ao centenario do naufraxio do vapor correo Santa Isabel que embarrancou no con de Lapegar, próximo á illa de Sálvora. Se ben existía xa numerosa documentación en forma de ensaios que afondaba naquel acontecemento terrible que acabou coa vida de duascentas catorce persoas dun total de duascentas setenta, nunca, ata o de agora, se chegara a novelar o naufraxio. Faino Núñez Singala nesta Noite de temporal e, ao meu ver, consegue unha peza narrativa solvente e atractiva.

Se ben a inspiración, loxicamente, se basea en feitos reais, tal e como o propio autor se encarga de subliñar e, polo tanto o mergullo nas tarefas de documentación fai que se constrúan personaxes e situacións que existiron, o certo é que o libro supera a condición de crónica sustentándose na configuración emocional e vital dos diversos personaxes, a través dos seus comportamentos e actitudes que son, naturalmente, resultado do traballo de ficción.

Ao meu ver, Singala trasládanos con verosimilude e unha evidente plasticidade descritiva a esa noite do 2 de xaneiro de 1921 a través duns capítulos gobernados por un narrador ominisciente que nos vai presentando diversos personaxes, entre os que destaca o de Luís Cebreiro, supervivente do naufraxio e segundo oficial do barco,  igual que o capitán Esteban García, presentes ambos os dous desde o comezo ata a conclusión do naufraxio, alén doutros membros da tripulación e, loxicamente, diversos personaxes que simbolizan os viaxeiros que se transportaban coas súas angueiras propias: desde os nenos ata os emigrantes.

Non quixera ignorar o papel relevante que se lle outorga na narración tanto aos habitantes de Sálvora -daquela aínda poboada- como aos de Santa Uxía de Ribeira. E sobre todo ao papel afouto que desempeñaron tres mulleres -María Fernández, Cipriana Oujo e Josefa Parada- que contribuíron xenerosamente á salvación de moitas vidas poñendo en risco as súas. A través da interesante documentación que se engade ao final do libro sabemos dos recoñecementos que se lle tributaron a estas tres mulleres pouco tempo despois do naufraxio. Sería fermoso que cen anos despois se lles volvese render unha homenaxe  pois o seu comportamento, desenvolto en condicións extremas, resultou verdadeiramente heroico e moi descoñecido.

Parabéns por esta nova entrega narrativa a Singala. Alén dos méritos literarios rescata, de novo, un acontecemento recente da nosa historia que sempre convén coñecer.