Viaxeiros. Animais extraordinarios, de Xulio Gutiérrez e Nicolás Fernández

Xulio Gutiérrez e Nicolás Fernández

Viaxeiros. Animais extraordinarios

Faktoría K de Libros, Pontevedra, 32 páxinas, 16 €

 

Unha colección que moito que gustaría poder apreciar hai anos, e xa non só como ferramenta para normalizar o noso idioma senón polo magnífico acabado que presenta, é a serie “Viaxeiros” que edita Faktoría K de Libros. Tras cinco volumes –Bocas, Nacer, Construtores, Ocultos e Ollos– aparece agora outra nova entrega, igualmente editada en gran formato, baixo o título de Viaxeiros da que creo que é de xustiza deixar memoria neste blog.

Este novo traballo de Xulio Gutiérrez e Nicolás Fernández segue transitando, así pois, polos camiños da difusión científica de diversas realidades vinculadas co universo dos animais desde unha perspectiva divulgativa e rigorosa, completada ou harmonizada cun corpus de ilustracións naturalistas que o converten nun libro extraordinariamente atractivo. Nesta ocasión preséntase articulado baixo o criterio de afondar nas dimensións das migracións que algúns animais realizan por terra, mar e aire, cubrindo distancias por veces quilométricas e nalgúns casos menores pero cheas de perigos, na procura sempre da supervivencia.

Velaquí, así pois, un exercicio plausible que ilumina eses “camiños” que percorren animais viaxeiros que van desde o lemmin ata a andoriña, pasando pola formiga lexionaria ou o salmón atlántico entre outros. Unha linguaxe asequible fai tamén desta entrega, coma das anteriores, unha oportunidade para educar no medio natural, para seguir a aprender e a marabillarse sempre do que a propia natureza encerra.