Lobísimo do saco, de Bernardino Graña

Lobisimo-do-sacoBernardino Graña

Lobísimo do saco

Galaxia, Vigo, 232 páxinas, 13 €, 2019

Cumpre hoxe oitenta e sete anos Bernardino Graña e farao asistindo á presentación dun novo libro seu nunha libraría da cidade de Vigo onde un grupo de persoas queremos que este encontro sexa unha celebración festiva para renderlle unha pequena homenaxe.

De Bernardino Graña, un clásico da literatura galega contemporánea, adóitase salientar o seu amplo, substancial e innovador percorrido como poeta; tamén a súa dilada traxectoria como narrador para un público adulto e para un lectorado máis novo pero, talvez inxustamente, queda ocultada a súa faceta como dramaturgo. Este libro que se presentará hoxe, titulado Lobísimo do saco e que ve a luz baixo o subtítulo de Tres titiritadas, engádese a aquel Vinte mil pesos crime que publicara no ano 1962 -reeditado no 2005 nunha admirable edición anotada a cargo de Héitor Mera- e recupera dúas pezas, hoxe inatopables, como son Sinfarainín contra don Perfeuto (publicada na revista Grial en 1975 e que circulou profusamente editada como separata) e Os burros que comen ouro nunca cabalos serán (1992), mais unha peza inédita titulada Lobísimo do saco que lle dá título ao volume.

Teatro infantil? Pois “si e non”, como afirma o propio autor. É teatro, sen máis, que probablemente cómpre entender á luz do tempo no que foi escrito malia que, diso estou certo, non perdeu nin un chisco a súa actualidade, aínda máis nos tempos que corren. Esa indefinición -teatro infantil pero non só- explícase na procurada simplicidade nos diálogos, no ritmo musical que imprimiu a moitos lances, na axilidade comunicativa e nas escenas de filiación máis ou menos humorística ou satírica, pero hai máis cousas de fondo porque en todas as pezas paira un aire de opereta bufa, unha sorte de gran teatro de monicreques “naif”, unha farsa carnavalesca divertida e profunda que non oculta unha inequívoca vontade de amosar o desatino que supoñen as tiranías, todas as tiranías.

 

Esta recensión publicouse na sección “Ex umbra in solem”, das páxinas do suplemento Fugas de La Voz de Galicia, o 27 de setembro de 2019.

EFdj7jzU0AE8Jx1.jpg