O pracer de reler, de Manuel López Foxo

O pracer de reler

Manuel López Foxo

Autoedición (Distrito Xermar), A Coruña, 192 páxinas, 2021

Lamento que Manuel López Foxo non se ocupase dunha maneira profesional da crítica literaria. El sinala que o seu non foi nin é este labor pero non me acaba de convencer a súa afirmación tras ler, co vagar preciso, este libro titulado, fermosa e significativamente, O pracer de reler e que compila diversas colaboracións para Nós Diario e outros textos de diferente orixe. Non me convence porque a súa é unha visión pausada e reflexiva, que prioriza o afán comunicativo e que se asoma con sinxeleza, mais ao tempo con argumentos irrebatibles, a ángulos ocultos de moitas lecturas que, en moitas ocasións, probablemente foron ignorados ou que non se revisaron coa precisa atención. Se, ademais destes valores, o autor coida extremadamente o estilo destas entregas, isto é, aceira a palabra no seu xusto punto, é xusto afirmar que estamos diante dun libro que, malia o seu difícil acceso por se tratar dunha autoedición, supón unha moi feliz noticia.

Dedicado a Francisco Pillado e prologado, cun texto luminoso e garimoso por Goretti Sanmartín, a palabra de López Foxo concibe, dalgún xeito, a relectura como unha viaxe en espiral á memoria do que un libro nos agasallou cando nos achegamos a el, por vez primeira. Comparte connosco a intimidade dese encontro, o contexto en que se produciu, o que naquela ocasión foi quen de ver e o que ve nesas páxinas agora. En boa medida, converte o acto íntimo da lectura nunha epifanía que transmite con transparencia e, ao mesmo tempo, con emoción.

O autor, así, evoca lecturas, e actualízaas con tino, coma se estas atesourasen un valor que sempre cómpre lembrar, que cómpre comunicar. Velaí como posibilita unha revisión, un paseo gozoso do que moito aprendemos, por unha parte substancial do patrimonio literario que nos conforma e que vai de Rosalía a Cuevillas, de Cunqueiro a Araguas, de García-Bodaño a Fiz Vergara Vilariño, de Eva Veiga a Olga Novo, de Xohana Torres a Pilar Pallarés, de Manuel María a Pexegueiro, de Manuel Vilanova a Eusebio Lorenzo Baleirón, para engadir tamén un pequeno, e substancioso, ensaio sobre a poesía de Manuel María e outro sobre a novela Real Sitio, de José Luís Sampedro, alén dun anexo onde se reproducen cartas e textos autógrafos deste autor e que pertencían ao arquivo persoal de López Foxo.

Supuxo para min unha fortuna acceder a este libro de Manuel López Foxo e quero agradecelo desde aquí. Oxalá cheguen, en breve, novas entregas da súas lecturas ou relecturas en forma de libro. Saudareinas sempre.

2 Comments

  1. Ramón Nicolás, ademais de ser un finísimo crítico literario é un home dunha gran xenerosidade, desas persoas que lle alegran a un o corazón. Agradecidísimo, Ramón, por ese artigo tan fermosamente escrito.

Os comentarios están pechados.