Lapidarias. Os versos escuros, de David Rodríguez

Lapidarias. Os versos escuros

David Rodríguez

Xerais, Vigo, 2010,   136  páxinas.

 Debuta David Rodríguez como poeta, que non como autor teatral e ensaísta, con este Lapidarias. Os versos escuros, libro publicado hai uns meses en Edicións Xerais e que, ao meu ver,  talvez non obtivo a atención mediática e crítica que se cadra  ben merece.

O autor, responsable por certo do blog http://ofunambulistacoxo.blogspot.com/,  abéirase con este volume a unha estética singular que sintetizaría baixo os termos de brevidadediálogo, silencio e dor.

Brevidade pois o exercicio da contención expresiva ao que somete o verso, estilizándoo e esencializándoo ata o máximo, convértese nun trazo tan relevante do poemario que beirea os límites dun libro de aforismos, de sentenzas, de reflexións sobre a vida e a morte, deus e o demo, o amor e o desamor nunha moi salientable e recorrente utilización de oposicións binarias e simbólicas, nas que as máis das ocasións se procura o estrañamento, a sorpresa, a desorientación do lector;  diálogo porque o autor opta por este recurso formal 

David Rodríguez

 establecendo unha vivificante relación creativa e interartística entre as súas propias creacións e as fotografías de Eduardo Irago; silencio pois a expresión poética fica en moitas ocasións potenciada pola presenza do baleiro que implica o espazo en branco, por todo aquilo que tamén rodea ao poema e que non se di, que se suxire lenemente; finalmente, dor, se quere derrota, sufrimento, devastación, acedume, outredade, escepticismo, relativismo…, baixo unha actitude corrosiva, crítica, fratricida… pois a voz lírica percorre con teimosía as estremas de todos estes conceptos, sen intención salvífica, só para testemuñar como a poesía pode ser dura como o cemento, sorprendente, rotunda e intensa como a que encerran estes versos escuros.

E, como di o autor, “as veces é bo calar / a vida é máis curta que as palabras”. Abofé que si.