Manuscritos: Xosé Duncan

Chega a esta sección Xosé Duncan, un dos escritores galegos de traxectoria máis salientable e exitosa no xénero de fantasía e terror. Inquirido, inicialmente, polos hábitos ou dinámicas que abraza no momento da escrita sinala que gusta de se illar de todo canto o rodea e para iso: “axúdame moito ter un fondo musical que vaia acorde á intensidade e dinamismo do capítulo que vou escribir. Normalmente, adoito fumar un cigarro e mirar pola xanela antes de me sentar diante do portátil e visualizo as escenas que vou acometer. Unha vez que as teño claras, póñome no papel de cada un dos personaxes e imaxino o xeito no que eles vivirían os acontecementos e cales serían as súas reaccións e diálogos. Este é, talvez, o punto no que presto maior atención. Para min é fundamental contar con protagonistas ben armados e consistentes psicoloxicamente para me garantir uns comportamentos coherentes e cribles. Ás veces, para reforzar isto, fago que os personaxes estean baseados en persoas reais e, deste xeito, dotalos dunha maior credibilidade e realidade”.

      No que respecta ao desenvolvemento dos argumentos sinala que cada libro esixe una dinámica diferente: “No primeiro volume d’As Crónicas fun pechando etapas, a dous capítulos vista, sen ter decidido como ía ser o final. No segundo e no terceiro volume, sen embargo, tiña definida a liña argumental básica de principio a fin, talvez por me ver condicionado pola historia xa comezada no primeiro e porque tiña pánico á falta de coherencia entre os tres volumes e que a historia fose perdendo intensidade e interese”. Con todo recoñece que dispor do  argumento definido dá maior seguridade  mais “prívame da sorpresa e a emoción de ir vivindo a tempo real as aventuras dos protagonistas e iso é unha das cousas que máis me fai gozar cando escribo. Así que, a maioría das veces, non respecto demasiado o argumento preestablecido e deixo que os personaxes vaian guiando a acción e o ir e devir da novela.”

      Abaixo van as mostras do seu traballo -premendo nelas pódense ver a un maior tamaño-. A primeira responde ao caderno no que vai anotando todas as  ideas desde que comezou co primeiro volume d’As Crónicas: “polas súas follas pasaron os tres libros d‘As Crónicas, Hostal N\orte (que é o que se publicará con Urco para o vindeiro mes) e Negruña (novela que rematei de escribir agora mesmo, pendente de revisión e reescrita, e que é unha especie de distopía que mistura a crítica á sociedade da Coruña con unha historia de corte fantástico e máxico”. Á imaxe do centro responde a anotacións e ilustración  para un dos capítulos dA porta de Annwn e a da dereita é un esquema secuencial de localizacións e personaxes para os últimos capítulos do segundo volume da anterior triloxía.  Por último, abaixo incorpórase unha mostra das liñas de accións e acontecementos para cada un dos personaxes de Negruña no penúltimo capítulo da novela pois, para o autor, dispor deste diagrama de fluxo facilítalle “levar a coincidencia e interaccións dos protagonistas en cada un dos puntos de drama da historia e calculo mellor os tempos e os instantes cronolóxicos aos que debo chegar durante o desenvolvemento do argumento”.

          O meu agradecemento a Xosé Duncan pola súa colaboración.