Ser auga, darse en auga, de Bernardino Graña

 

Bernardino Graña

Ser auga, darse en agua. Medio século: 1958-2008 (edición de Miro Villar)

Centro Pen Galicia, col. Arte de Trobar, nº 17,  226 páxinas, 19,80 €

 

Cómpre valorar moi positivamente esta iniciativa que fai máis accesible unha visión de conxunto, a través dunha intelixente e documentada escolma poética, da achega poética global que, ao longo de medio século, un gran poeta como é Bernardino Graña (Cangas do Morrazo, 1932) foi deixando espallada nos seus numerosos libros. Ben é certo que en 1995 a editorial Espiral Maior publicou Ardentía, na que se recollía daquela a totalidade da súa obra poética que vira a luz ata o momento, mais tras aquel volume viñeron algúns máis aquí tamén seleccionados.

    O labor de introdutor, editor e mais seleccionador chega, nesta ocasión, da man doutro poeta, e tamén investigador literario, como é o ceense Miro Villar, lector especialmente atento ao feito poético galego en xeral e ao devalar da poesía de Bernardino Graña en particular. Isto explica que o resultado do traballo sexa excelente pois Villar ofrece unhas páxinas limiares nas que, canda a necesaria revisión biográfica que analiza os princapais socalcos vitais do autor, articula unha revisión globalizadora coa ollada posta na totalidade dos poemarios publicados polo arestora académico da RAG, estudados individualmente desde o punto de vista da súa xestación, dos seus contidos e formas, percorrendo así desde o iniciático Poema do home que quixo vivir (1958) ata o seu último Acendede as almenaras (2008).

     A antoloxía, ampla e ilustrativa, exhibe de seu a espectacular riqueza lingüística que sempre amosou o labor poético de Bernardino Graña e posibilita asomarse ás principais e máis representativas liñas de sentido que alimentaron o seu corpus poético. Velaí como, sen esquecer o continuo diálogo que sempre mantivo con poetas da nosa tradición, sexan contemporáneos ou non, este libro permítenos asistir á evolución da súa estética que vai desde as iniciais preocupacións de corte existencialista, pasando polas composicións rexidas por unha intención cívica ou aqueloutras que transitan pola temática de xinea ecoloxista ou de celebración da natureza. Nesta antoloxía é posible ver tamén as dimensións da súa ollada evocadora, a especial atención que outorgou ao espazo  mariñeiro ou á temática erótica ou amorosa por só citar algúns dos motivos que percorren a súa poesía.

   Este volume gobérnase, ademais, desde unha intención nada oculta que quere recoñecer unha exemplar traxectoria poética. Teño para min que para quen xa recibiu o Pedrón de Honra ou o galardón “Voz da liberdade”, instituído tamén polo propio PEN Galicia, a quen se lle tributou unha merecida e entrañable homenaxe hai catro anos organizada pola Asociación Cultural <<A Cepa>> na súa Cangas natal, ha recibir tamén este volume como un galano que debería contribuír a  reforzar o lugar sobranceiro que a súa obra ocupa hoxe na lírica galega. A lectura desta antoloxía, sexa para revisitar a súa obra ou sexa para descubrila por vez primeira, non defraudará pois transmite sensibilidade artística ás mancheas e un especial coidado depositado na música e no ritmo. Aínda que fose só por iso xa pagaría a pena.

 

 

Este texto publicouse nas páxinas do suplemento “Culturas” de La Voz de Galicia, o 16 de abril de 2011, baixo o título de “Cincuenta anos de poesía”.