A frecha azul do teixo, de Eva Veiga

 

Eva Veiga

A frecha azul do teixo (limiar de Teresa Seara)

Espiral Maior, Curtis-Culleredo, 2010, 125 páxinas, 15 €

 

Preséntase mañá en Compostela esta nova e intensa proposta de Eva Veiga nun evento que intúo cando menos interesante pois nel poderase oír a voz, e o que ten que dicir, quen ideou o poemario, nesta ocasión acompañada por Miguel Anxo Fernán-Vello e mais Teresa Seara, alén de supoñer a oportunidade de ver e escoitar ao grupo Ouriol, ao que a propia Eva Veiga pertence. E estou certo que este encontro entre a palabra e a música ha de resultar tan cheo de emoción como o supuxo para min a lectura destes poemas, concentrados no que constitúe o sétimo volume da autora.

    O poemario articúlase como un recoñecemento, íntimo e intransferible, máis tamén dotado de indubidable proxección colectiva, do esgazamento que supón a morte, concretamente simbolizada na ausencia da nai, nun intento, neste caso frutuoso e feliz, de estricar as estremeiras da presenza para superar a perda, mais conservando e preservando a memoria como eixe que adquire, aquí,  formas expresivas contundentes e vibrantes articuladas desde a reflexión e o sentimento.

    Advertirán, os que aquí se acheguen, versos que valen, pola súa dimensión significativa e simbólica, por un poemario enteiro –“E o sol pousou na río / A noite”…, inspirados na evocación da nai -“cadaquén tece na súa alma unha arañeira”- ou erixidos desde a constatación da dor: “Idéntica a todo canto vive / A morte”…. No entanto, aos poucos, vai asumíndose a irremediabilidade do paso do tempo e o que resulta verdadeiramente relevante, para que desde ese pozo da evocación agrome, nun meditado xogo metafórico, depositado con acerto no telúrico e no mundo da  natureza onde nos asolaga a luz e a escuridade, mais tamén o río, o castiro, o colibrí mais o propio teixo na procura  de retornar ao primixenio. Nese tránsito circula sempre a intención de comprender a experiencia, de comprender a ferida e a dor que agora, tan fermosamente, se comparte.