Flores da galvana, de Iria Fernández Crespo

 

Iria Fernández Crespo

Flores da galvana (limiar de Ramón Chao)

Espiral Maior, Culleredo, 2010, 68 páxs., 13 €

Sorprendeume, e moi gratamente, este Flores da galvana dunha autora, Iria Fernández Crespo, que se estrea así no noso sistema literario. Entre outras razóns porque no poemario non é difícil rastrexar, ademais dunha auténtica fervenza de lecturas que sabe magmatizar, un mesta rede de influencias ou diálogo recíproco coa tradición e a modernidade que, ademais, non chega a ocultar unha estética persoal e privativa, presente ao meu ver desde as instancias do propio título, que verniza con ironía pois aquí poucas flores ou cantos líricos agroman, moi ao contrario repousan dardos subversivos, cargados de intensidade e directos á intelixencia…; e moito menos resultan froito da galvana, pois pouca doca ou preguiza aquí se acha, máis ben diría  que é ben difícil  non valorar moito puimento e refacción, moita tensión que nace sempre do esforzo e do debate intelectual.

   Fernández Crespo, así pois, descansa boa parte da súa proposta nunha visión irónica, ou talvez mellor dito, distanciada, respecto dunha realidade coñecida ou experimentada  que se quere asediar; e vehiculízao maioritariamente a través dunha fórmula case narrativa onde cobra protagonismo o xogo, sexa este estrutural, lingüístico ou puramente textual, pragando os versos con premeditada ambigüidade, enchéndoos de recursos inesperados, de imaxes visionarias, de sucesións de asociacións libres de conceptos ou ideas, pero sempre significativas.

Este Flores da galvana é un volume no que hai ficción, claro é, mais talvez tamén (auto)biografía,  reflexión e doutrina, memoria e rebeldía, ideoloxía e  identidade, por momentos case profecía. Nel reinvéntanse ecos xa coñecidos ou familiares aos que se lles outorga unha nova dimensión, afondando nas liñas da literatura, mais tamén do pensamento, da antropoloxía, da política, da historia… Unha poesía, paréceme, plural,  ideada tamén para ser lida en voz alta pois así cobra unha dimensión máis significativa a súa ricaz expresión, de xinea oral, que tantas veces deslumbra.

Esta estrea merecería saír desa semiescura clandestinidade que simboliza o primeiro libro: méritos tenos, e abondos.  Son poemas que trascenden fronteiras ou estremas e que, como di a autora van “máis aló da vida e da morte que, como ben sabes, non son e son”.

 

      (Fonte da foto “A voz de Vilalba”. Acto da presentación do poemario: de dereita a esquerda Ramón Chao, Iria Fernández Crespo e Miguel Anxo Fernán-Vello)