Tesouros novos e vellos, de Álvaro Cunqueiro

 

Álvaro Cunqueiro

Tesouros novos e vellos

Galaxia, Vigo, 2011, 128 páxinas, 13 €

Hai pouco tempo apuntei o que constituían nove razóns persoais para ler –ou reler- a Cunqueiro, partindo do feito de celebrar o centenario do seu nacemento, como o ano que vén o será de Celso Emilio Ferreiro. Un dos motivos que sinalaba centrábase na reivindicación da súa vixencia a través da lectura e da reedición dos seus libros pois calquera peza literaria que subscribiu sempre resultaba operativa para incidir nos valores da súa achega.

         Nesta ocasión quedo con estes Tesouros novos e vellos, que  recolle tanto o discurso que o mindoniense realizou en abril de 1963, cando ingresa como membro numerario na Real Academia Galega, como a presentación de J. Rof Carballo, completándose asemade cunhas palabras epilogais de Francisco Fernández del Riego.

         A capacidade fabuladora, e fabulosa, dun Cunqueiro que é extraordinario coñecedor da tradición oral e mítica galega reflíctese aquí con claridade. Nestas páxinas desvélanse as claves do universo, e do mito, dos tesouros en Galicia ao transitar dun espazo a outro, visitándoos nos fondos das lagoas, nos ríos, montes ou outeiros para se describiren cos seus custodios -por veces ananos, mouros, fadas ou cóbregas- e formaren iso que chamamos, aínda, o noso patrimonio imaxinario. O autor sabe concederlle ao seu relato un intransferible e envolvente pulo poético, culto e popular, que fai da súa narrativa un modelo de difícil imitación. Á marxe do que cadaquén considere o seu propio tesouro, estes de Cunqueiro existen porque a palabra fai que existan: cómpre coñecelos.

 

 

Esta reseña, baixo o título de “Para ler (ou reler) a Cunqueiro” publicouse o 30 de xullo de 2011 nas páxinas do suplemento “Culturas” de La Voz de Galicia.