Corazón de pedra, de Agustín Fernández Paz

Agustín Fernández Paz

Corazón de pedra (ilustracións Federico Delicado)

Oxford, Á árbore da lectura, nº 15, Madrid, 2011, 87 páxinas, 7,90  €

Internarse polas páxinas dun libro de Agustín Fernández Paz resulta sempre unha regalía, sexa este, por criterios editoriais, especificamente dirixido a unha determinada franxa de idade ou non; no meu caso sempre me achego a eles prescindindo de todo preconcepto e non atopei aínda, no caso do autor de Non hai noite tan longa, ningún que me defraudase.

     Particularmente gocei con este Corazón de pedra, profusa e magnificamente ilustrado por Federico Delicado que ofrece, ao meu ver, unha lectura plástica moi atinada da historia que Fernández Paz propón, harmonizando o fantástico, o onírico e o realista con grande efectividade.  A narración sitúase a cabalo entre  a novela curta e o relato de certa extensión  e nela, o escritor vilalbés, segue a manter a súa característica fluidez e a naturalidade no discurso narrativo para recrear con habilidade o contexto realista, espellando o interese polo mundo dos libros e, nesta ocasión, debruzarnos a unha imaxinativa e suxestiva historia protagonizada pola pequena Brenda, quen nos fai acreditar, outra vez, nos valores da suxestión, do coñecemento, da imaxinación e a fantasía a través da atención prestada ás lendas de carácter popular e en moitos casos de transmisión oral, reactivadas deste xeito con fortuna  a través da recreación que se realiza dunha delas protagonizada por un dragón, que comparte espazo con outras lendas de interese non menor.

   O autor, ademais, sabe dosificar cando cómpre certos enigmas que turran con forza do ánimo do lectora ou da lectora, entre os que se atopa a presenza dun tímido e misterioso escritor,  seica inspirado por fin a través do que fai e simboliza a pequena Brenda e que, se cadra, algo terá que ver co resultado final que aquí se presenta. Celso Emilio xa dicía no seu célebre poema que “Os corazós dos homes / que ao lonxe espreitan, / feitos están
tamén / de pedra.” Este Corazón de pedra aquí recreado non é dun ser humano, pero resulta marabilloso todo o que del se pode aprender.