Proxección exterior da narrativa galega (e II) [Textos]

       No segundo dos apartados anteditos, isto é, aquel que afecta ás iniciativas que facilitan ou promoven a presenza da nosa literatura, a través da tradución, noutros sistemas lingüísticos, cómpre dicir que, particulamente, advirto dous posibles modelos, ambos os dous vinculados, claro é, coa iniciativa empresarial privada que, ás máis das veces ou ben asume os custos das traducións –contando con limitadas axudas económicas para isto- ou ben facilita a venda ou intercambio dos dereitos da tradución do orixinal galego a outras linguas. Un dos modelos, por citar un caso concreto, é a que se produce ao abeiro dun xénero en auxe como é o do “álbum ilustrado” para os primeiros lectores, da man da editorial pontevedresa Kalandraka, desenvolta cunha perspectiva basicamente empresarial e que se converte nun modelo da proxección “posible e real” para propostas creativas galegas propias e cara a fóra. Tras máis de dez anos desde a súa fundación Kalandraka optou por ampliar e internacionalizar a oferta dos seus produtos. Algúns dos seus orixinais en galego, nomeadamente os que veñen avalados pola súa calidade incontestable no que se refire ao talento creativo, irmandando a potencialidade visual coa proposta discursiva, estenderon o éxito alén das nosas fronteiras traducíndose así a numerosos idiomas, en parte debido ao espallamento das sedes pois alén das emprazadas en diversos territorios do estado para editar nas linguas propias como Cataluña ou Euskadi, crearon outras fóra do estado en Italia e Portugal e subscribiron convenios de actuación conxunta con editoras brasileiras ou mexicanas. Esta internacionalización da empresa é a que posibilita que, poñamos só un caso, Avós, un famoso álbum ilustrado de Chema de las Heras e Rosa Osuna, non só fose publicado en galego, catalán, inglés, italiano, portugués, éuscaro, italiano, senón tamén en chinés, coreano e xaponés, sendo arestora un dos libros actuais deste xénero que está traducido a un maior número de idiomas.
O outro modelo sería o que podería fornecer unha editorial de corte máis xeneralista como é Edicións Xerais de Galicia. Editora que facilita, obviamente, a tradución de obras do seu catálogo a outros idiomas, quer a través da negociación dos dereitos da tradución quer a través da opción do intercambio polos dereitos de publicación doutros orixinais. Deixando esta faceta á parte, isto é, a que se refire ao papel que cumpre o autor ou autora na negociación dos seus dereitos de tradución, por veces determinante, por veces ningún, coido que é interesante reparar nos seguintes datos numéricos en que se sinalan cales son os autores traducidos dun catálogo vivo contemporáneo, un signo relevante para promocionar e exportar a nosa tradición e a nosa realidade literaria de arestora.
Estes datos, no meu poder grazas a Celia Torres, responsable de prensa da editora viguesa e a quen lle agradezo a información, malia seren parciais porque habería que lles engadir os resultados de autores e autoras noutras empresas editoras, contribúe, cando menos, a decatarnos de que, neste concreto catálogo, por esmagadora maioría, son os autores da denominada LIX os que posúen un maior número de libros traducidos, seguidos de figuras de alto fuste como Ferrín, Rivas, Suso de Toro e a maior distancia, Marilar Aleixandre.
        Respecto de autores da LIX ocupa o primeiro lugar Agustín Fernández Paz, cun total de 59 títulos traducidos, maioritariamente ao castelán -21 títulos-, catalán (18) e éuscaro (11). Pola súa parte, Fina Casalderrey, como autora independente, computa un total de 26 títulos traducidos: 10 ao castelán, 7 ao catalán e o resto entre o valenciano, inglés e éuscaro; finalmente, Xabier Puente DoCampo conta con 12 títulos (5 en castelán e catalán, 2 en éuscaro e 1 en portugués).
No resto dos autores, tendo en conta que algúns deles, como Caride Ogando, Marilar Aleixandre ou Fran Alonso obteñen tamén uns resultados nos que cómpre ter en conta que inclúen algún libro da denominada LIX, os resultados, de máis propostas traducidas a menos, distribúense do seguinte xeito: Manuel Rivas presenta 31 títulos traducidos, con algunhas particularidades, como son o se tratar do autor que accede a unha maior pluralidade de linguas pois alén das peninsulares, incluído o bable, a súa obra verteuse ao inglés dos EUA e de Gran Bretaña, ao francés, turco, croata, alemán, xaponés, grego, finés, ruso e italiano. Pola súa parte Suso de Toro presenta 20 títulos traducidos, case con exclusividade en catalán e castelán, agás 1 título en bable; finalmente, Xosé L. Méndez Ferrín, presenta 20 títulos traducidos tamén, sendo 9 ao castelán, 3 ao éuscaro, 2 ao portugués e ao bable e 1 ao inglés, francés, esloveno e valenciano. Por último, é Marilar Aleixandre quen presenta un total de 17 títulos traducidos: 7 ao castelán, 4 ao éuscaro, 3 ao catalán, 2 ao portugués e 1 ao inglés.
Finalmente, outras voces deste catálogo vivo traducidas, simplemente a título informativo, serían –e case sempre ao castelán, catalán, portugués e bable- son: Carlos G. Reigosa, con 8 títulos; Ramón Caride Ogando e Marina Mayoral, con 5; Fran Alonso e Teresa Moure con 4 (esta última cun título en holandés, cousa ben pouco común) e, neste catálogo, con 2 obras traducidas –ignoro os que presentan só 1 obra traducida- serían Alfredo Conde, Neira Cruz, Luís Rei, Vázquez Freire, Perozo, Miranda, María Reimóndez e Queipo.

Conclusión
Con estas reflexións e cos datos que se manexan gustaríame finalizar con algunhas conclusións. Insisto, ao meu ver, nese enorme capital que foi, é e será a nosa produción literaria, nomeadamente a narrativa, que aquí me ocupou, pero qué dicir da poética, ensaística ou dramática –lamentablemente case que descoñecidas fóra de Galicia-. Partindo desta realidade a proxección exterior das propostas creativas nadas na nosa república das letras debería camiñar cara a multiplicarse exponencialmente, xa non só cara ao castelán, catalán e éuscaro, onde como se viu nun catálogo vivo son estes os sistemas literarios de recepción máis salientables dos autores galegos contemporáneos, cunha especial incidencia nos nosos mellores autores da literatura infantil e xuvenil, senón e tamén cara ao francés, inglés, alemán, italiano e, por que non, chinés; o que, sen dúbida, evitaría extremos desagradables como o que o caso Steiner nos fixo ver, pero se se analiza con vagar non tanto porque, convén non esquecelo, cantos lectores viven no noso país de costas á nosa creación e ignoran os textos dos nosos creadores até que estes non se referencian en suplementos literarios españois?
Por outro lado, a nosa situación estratéxica para tender pontes coa lusofonía e coa América Latina por ese enorme ronsel que aínda se palpa nas colectividades emigradas, ou nos seus descendentes, debería contribuír a potenciar estratexias de promoción e presenza dos nosos libros, das nosas autoras e autores, de existiren políticas de auténtica axuda á tradución como medio fundamental para estar fóra, de visibilizarnos, ben sexan estas outorgadas a editoras que aplican políticas empresariais arriscadas ben directamente ao laborioso exercicio da tradución, nunca ben ponderado e do que nós, desde as prosas medievais galego-portuguesas, algo sabemos.
A narrativa galega, por último, pasa ao meu ver por un excelente momento. Non todo o que se publica, loxicamente, adquire unha categoría de excelsitude, mais teño para min que, alén dos grandes autores, que os hai e moi bos, hai un exército de escritoras e escritores de enorme valía e talento que tamén son parte do sistema, que cómpre visibilizar e que afortalarían un sistema, coido, cada vez menos periférico, máis sólido, orgullosamente centrífugo.