Unha cesta de pombas e mazás. Homenaxe a Isaac Díaz Pardo (Xosé Ramón Fandiño, coord.)

Xosé Ramón Fandiño (coord.)

Unha cesta de pombas e mazás. Homenaxe a Isaac Díaz Pardo

Academia Real Isaac Díaz Pardo, Compostela, 2013, 44 páxinas.

 

En xaneiro deste ano, no cemiterio compostelán de Boisaca, celebrouse unha xuntanza civil en lembranza da figura de Isaac Díaz Pardo por mor do seu primeiro cabodano.  Esta foi a orixe dunha pequena mais gorentosa publicación que, empregando un verso do fermoso poema de Lorenzo Varela, se articula como a estrea tanxible da denominada Academia Real Isaac Díaz Pardo ao facer posible unha publicación alimentada polas alocucións pronunciadas naquela homenaxe.

    Baixo o pulcro labor de coordinación de Xosé Ramón Fandiño, responsable ao tempo dun limiar explicativo, xúntanse as máis das intervencións que se oíron aquel día, dominadas todas elas por un evidente ton evocador e reivindicativo. Velaquí prosas e poemas que veñen da man de X. Alonso Montero, X.L. Axeitos, X. María Dobarro, Inma López Silva, Martiño Noriega, X. Redondo Abuín, Fernando Salgado, Carmen Blanco, Fernández Abella, David Otero, Luz Pozo, Claudio Rodríguez Fer e Helena Villar Janeiro. Beizóns a todas e todos eles por lembrarnos o perfil humano e artístico de Díaz Pardo, por actualizar o seu pensamento e subliñar a relevancia da súa actividade artística e cultural pouco tempo despois do seu pasamento;  beizón, insisto unha vez  máis, a esta Academia que posibilita a aparición dun opúsculo que, desde o seu título, debulla para quen queira entendela a dimensión semántica que desde a cerna lle confire sentido, isto é, rememorar, como Lorenzo Varela soubo expresar liricamente e  como Fandiño sinala,  “a liberdade republicana das pombas e o arrecendo saudoso das mazás das hortas da infancia de Isaac”.