Manuscritos: Yolanda López López

Yolanda López, residente desde hai tres anos en Madrid,  presenta este vindeiro venres en Compostela o seu libro Moralla, editado por Follas Novas Edicións na colección  Libros do Loureiro. Este constitúe o seu terceiro poemario en lingua galega, ilustrado por ela mesma como é común na súa obra,  tras Verdugos impolutos, publicado en 2004 pola Fundación Amigos de Galicia (Concello de Rábade) e mais Obertura sen heroe, que viu a luz dous anos despois en Libros da Frouma (Follas Novas Edicións).

     Mais hoxe achégase por aquí para, alén de amosar algunhas mostras manuscritas da súa obra, reflexionar sobre os seus hábitos de escrita. A autora  comezou a escribir poesía hai uns dez anos, malia ter xa alguna experiencia noutros xéneros como o ensaio, a tradución, o relato curto e mais en artigos de opinión. Os seus primeiros poemas estaban en galego, escribindo nos seus inicios “pechada na habitación e sempre con música de fondo, xa fora clásica, new age ou chill out”, malia que “en moitos outros momentos os silencios precisos prendían a lámpada da miña inspiración”.  Con todo, é consciente de que co paso do tempo os hábitos na escrita van cambiando: de feito, en moitas ocasións escribo directamente no ordenador, sen manuscritos previos: eu son imprevisible”.

      No que atinxe aos soportes afirma que dun tempo para aquí “nunca escribo na casa, sempre levo os meus caderniños e escribo en cafeterías, en parques, en teatros, en librerías, onde cadre, ás veces nos lugares máis insólitos. Sempre que leo un libro, ou vou a unha exposición, un concerto ou calquera outro espectáculo artístico, fago anotacións automáticas, e froito das mesmas, a poesía sae a borbollóns”, aínda que posteriormente os someta a un intenso proceso de pulimento, imprimindo os poemas e  “facendo as correccións pertinentes até acadar o resultado que me prace”.

          Incorpóranse abaixo, así pois, un manuscrito da súa autoría xunto cun modelo das emendas aplicadas a un texto xa mecanografado. O meu agradecemento a Yolanda López pola súa xenerosa colaboración con esta sección.