Penúltimas tendencias, de Carlos Negro

Carlos Negro

Penúltimas tendencias

Xerais, Vigo, 2014, 80 páxinas, 11,60 €

 

Carlos Negro, ao meu xuízo, segue a apostar por ocupar, con convicción e afouteza,  un espazo -penso no poemario Makinaria– extraordinaria e potencialmente valioso como é, aínda que non só, o de erixir un discurso poético activamente crítico para fecundar un viveiro de lectoras e lectores que é de obriga non desatender. E nesta ocasión faino co retrato de experiencias, actitudes  e realidades próximas e contemporáneas ao universo da mocidade.

    O poemario concíbese, así pois, desde a perspectiva dunha voz lírica que se arroupa tras a figura dunha moza adolescente, que vai levantando acta de  vivencias e daquilo que está á volta da súa vida e que se non é un alter-ego desa meniña gaiteira rosaliana dos Cantares… actualizada  ben se lle asemella.    Precedido dunha suxestiva cuberta de Antonio Seijas e mais duns paratextos que nos sitúan singularmente na intención do poemario  como son a dedicatoria -“A todas as mozas / que non admiten / costuras nos labios”- e fragmentos inspiradores, ou compañeiras de viaxe, que escolle o autor para este libro -anacos de Amy Winehouse, Emma Pedreira, Yolanda Castaño ou Lupe Gómez-,  talvez máis ca un diario, que tamén o é, resulta ser unha crónica a través da cal a protagonista sofre unha sorte de metamorfose que a vai convertendo en poema e retratándose a si mesma. É aí onde se percibe o seu espírito iconoclasta e rebelde respecto ao establecido, e faino desde a instancia dun espazo que habita entendido como “cuadrilátero de dúbidas”, co piercing como “única bandeira” mais onde sobre todo é o cerebro a fundamental “arma de combate”.

    Eu convido moi afervoadamente, como lector e mais como docente, á lectura deste libro, xa non só por atopar un fantástico poema que dialoga co célebre “Longa noite de pedra”  onde o símbolo da pedra se substitúe intelixentemente pola simboloxía que atesoura o “rosa”, senón porque a concepción do discurso poético é fresca, activa, belixerante e anticonvencional, infiltrándose na realidade desde outra óptica e convidando a pensar e discernir, a reaccionar diante do que se ofrece como modelos hipocritamente estandarizados. Non é difícil rastrexar unha postura crítica diante das imaxes estereotipadas que cousifican á muller, inquírese por cuestións que afectan ao corpo e aos tópicos que rodean o amor e o sexo, deféndese o dereito á privacidade, expóñense as dúbidas e o medo ao descoñecido que se erixe como un océano tan profundo na mocidade e non só… Desvela, en fin, lugares comúns, mentiras e falsidades e faino con limpeza, diáfana e rotundamente. Parece mentira que tantas cousas poidan estar neste pequeno libro de poesía, pero están.

3 Comments

  1. Lin no Grial 200 un comentario un tanto despectivo sobre este e outros blogs e tamén chegaron a min ecos da polémica que isto suscitou. Desde aquí doulle o meu parabén a blogs coma este… Eu leos todos os días. Informan de verdade de xeito ameno e documentado sobre a literatura e cultura galegas e son moito mellores ca os críticos “oficialistas”. Sigue adiante con este traballo…

Os comentarios están pechados.