
Vanesa Santiago debullou un chisco os seus hábitos de escrita para esta bitácora. Polo xeral emprega o ordenador “para a escrita longa e repousada, pero a base que a cimenta é pura celulosa: gardo un feixe de cadernos con ideas e borradores de escenas, descricións de personaxes, sociogramas… e algún que outro verso”. Ademais, afirma, “como me desprazo a miúdo en autobús, teño un deses cadernos en cada bolso. Non é a primeira vez que, por esquecer o caderno, apunto algunha desas ideas no dorso da man ou nun pano de papel”. E cando escribe en papel é habitual que trace “esquemas ou debuxos sinxelos (monifates, flores, espirais…) nas marxes, de xeito distraído; penso que me axudan a centrarme e concentrarme, aínda que pareza o contrario. É o que boto en falta cando emprego a computadora”.
Inquirida polo tipo de caligrafía, sinala tres categorías: “a caligrafía danzante de autobús, a caligrafía apurada da fervenza de ideas, e a caligrafía repousada coa que as desenrolo”, e velaquí a mostra do que sinala. Beizón por esta colaboración.