23 de abril #engalegoleo

Paréceme estupenda a iniciativa que, para este 23 de abril, Día do Libro, artellaron conxuntamente a  Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), a Compañía de Radio Televisión de Galicia e mais a  Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (Gálix) a través da web da CRTVG e de Twitter que, baixo o hashtag #engalegoleo,  estou certo que conseguirá difundir a vitalidade do libro en galego en particular.

     Súmome á campaña coa foto que arriba reproduzo. Lombos de novidades editoriais de noso:  libros que xa leo e outros que agardan para ler decontado. Diversas cores, diferentes formatos e editoriais, desemellantes autoras e autores que converxen en alimentar a nosa realidade literaria. Un tesouro plural que vai, no meu caso,  de Pessoa a Fleur Jaeggy, de Matilde Felpeto a Angueira, de Cruz Martínez a Rosalía Fernández Rial, de Xerardo Méndez a Álvarez Torneiro, de Ana Acuña a Teresa Moure, de Ledicia Costas a María Reimóndez, de Mercedes Leobalde a Eli Ríos, de Roi Vidal a Miguel Ángel Alonso e Luz Beloso, ata o gran Sendak, sempre en galego. Grazas a todas, grazas a todos.