A mestra (poesía e vídeo), de Isaac Xubín

Coñecín a Isaac Xubín na presentación de Pasaia blues de Harkaitz Cano, onde falou, en calidade de tradutor, a carón do escritor éuscaro e o editor Alejandro Tobar. Pasado algún tempo e dun xeito casual, como ás veces ocorren tantas cousas, chegou a min este vídeo que me permito reproducir e difundir coa autorización de Xubín, un dos seus responsables.

        Xubín, que leva en Cork algún tempo, perseguía realizar un traballo con poemas que constituísen o fondo ou trasfondo dunha proposta audiovisual e, tras algún intento frustrado, soubo que Pedro Fernández, un catalán que fai a súa tese doutoral sobre Manuel de Pedrolo e que dirixe o proxecto Temps Obert 11.1 no que el participa, dispuña dunha cámara e adoitaba compor vídeos para o seu grupo de música.

        Axiña se gravaron as imaxes e o vídeo montouse con rapidez, sen que Xubín lle conceda máis relevancia que o de ser “o divertimento de dous compañeiros”. Eu vexo algo máis ca iso e coido que este tipo de propostas son moi interesantes e suxestivas desde diversos puntos de vista.

      O texto que Xubín recita forma parte do seu poemario Con gume de folla húmida, publicado por Sotelo Blanco e que foi galardoado no Premio Lorenzo Baleirón 2011, concretamente os poemas “A Mestra” e “Nos cantos das pedras”. A música que acompaña o vídeo é de Caitríona ní Chatháin, ex alumna do Centro irlandés de Estudos Galegos do University College Cork: “foi ela -di Xubín- quen unha tarde do ano 2010, durante unha visita de Chus Pato e Marilar Aleixandre na que ofrecemos un concerto antes do recital das poetas, leu en gaélico o poema de Chus Pato que encabeza o vídeo: “Un cabalo para as musas” e que está recollido na antoloxía To The Winds Our Sails. Irish Writers Translate Galician Poetry, editada por Manuela Palacios e Mary O’Donnell para a editorial Salmon Poetry. Na foto superior, xentileza de Xubín, unha imaxe do concerto de música tradicional irlandesa e galega que se desenvolveu na biblioteca pública de Cork antes do recital de Chus Pato e Marilar Aleixandre; dende a arpa até o violín: Fidelma Hanrahan, Caitríona ní Chatháin, Isaac Xubín e Louise Cronin (tamén ex alumna do Centro irlandés de Estudos Galegos).
http://vimeo.com/94041202

1 Comments

Os comentarios están pechados.