Con Antón García-Fernández

Hai uns días coñecín a Antón García-Fernández, hispanista, extraordinario coñecedor do mundo do jazz  e profesor en Martin, unha sorte de centro universitario dependente da Universidade de Tennesse. O asunto non pasaría do grao de anécdota se non fose porque García-Fernández me confesou a súa intención de abordar un estudo integral que xunte aspectos biográficos e literarios de Celso Emilio Ferreiro no seo da universidade na que traballa.  Cousas así anímanme pois demostran que o interese pola obra do autor celanovés cada día vai a máis.

    Desde aquí vaian os meus mellores desexos para a elaboración deste necesario traballo que, non teño dúbida,  contribuirá a difundir a figura de Celso Emilio no mundo anglófono. Particularmente creo que Antón García-Fernández, pola súa preparación e pola paixón que deposita na obra e na personalidade do poeta de Celanova, é a persoa idónea para este proxecto (na foto superior con García-Fernández á chegada ao peirao de Cobres logo da entrega dos premios Xerais este pasado sábado).