Espelho de mim mesma
Círculo Edições, Vigo, 2014, 156 páxinas.
Dá os seus primeiros pasos como autora dun libro individual de poemas a escritora Cruz Martínez quen, por outro lado, xa posúe unha longa bagaxe como parte activa de numerosos colectivos poéticos, coorganizadora na actualidade do Círculo Poético Aberto e colaboradora tanto en libros de autoría colectiva como en diversas revistas de carácter literario. Currículo literario ao que se veu engadir, non hai moito tempo, o título Xerografia em branco e negro, con limiar de Alexandre Insua Moreira.
Espelho de mim mesma, dalgún xeito, explora as posibilidades que ofrece adoptar a perspectiva de quen que colle un “lápis combativo e combatente” como sinala no limiar do volume o poeta Moncho Iglesias Míguez. Un eu lírico que percorre, a través dos cinco bloques nos que se distribúen as composicións, unha arañeira alicerzada pola recreación dos espazos máis íntimos e privativos, pasando por eixes onde non é menor o peso do erotismo e a sexualidade, ata outros poemas de marcado ton reivindicativo.
No libro establécese un diálogo suxestivo entre ilustracións e fotografías, as máis pertencentes a Luís Viñas, e a palabra poética da autora. Nesta última orde non é difícil reparar na ollada singular e intensa que se proxecta en elementos quer do ámbito natural quer das dimensións máis urbanas, quer dos sentimentos propios quer da sociedade que nos rodea, e que se captan nun instante traslucindo as connotacións desa primeira impresión, real ou imaxinada, en tantas ocasións servíndose do recurso á imaxe visionaria. Velaí como a palabra de Cruz Martínez, por veces incorporada a vídeo-poemas dos que se dá conta neste libro, permite asomarnos á sombra que deita un tranvía lisboeta ou á presenza impoñente e sobrecolledora da Panificadora viguesa, posibilita lermos poemas de circunstancias dedicados, por exemplo, a Cabanillas ou Novoneyra (mesmo aquel que fala da morte do pai), e tamén aqueloutros que reparan na memoria; dos que tracexan con pulso firme os eidos do erotismo até os que percorren unha visión crítica dos abismos dolorosos do noso tempo, sobre todo os infrinxidos ás mulleres e aos golpeados pola historia, unha vez máis.
Espelho de mim mesma, publicado nun selo editorial que tamén comeza a dar os seus primeiros pasos, pódese atopar nalgunhas librarías do país como son Andel e Cartabón, na cidade de Vigo, e mais Pedreira, de Santiago de Compostela. Deséxolle a mellor das sortes ao libro e á autora.