Crónicas de Embora, de Manrique Fernández

Manrique Fernández

Crónicas de Embora

Toxosoutos, Noia, 132 páxinas, 2014, 13 €

 

Supuxo toda unha sorpresa, e ben satisfactoria, atopar esta estrea narrativa do escritor Manrique Fernández, quen opera un cambio de rexistro respecto do que xa dera a coñecer previamente como son senllos libros sobre o mestre Rogelio Groba –unha biografía autorizada baixo o título de Meditacións en blanco e negro e mais Diabolus in musica. Conversas con Rogelio Groba-, alén de diversas obras en colaboración co músico ponteareán e o libro Floralba,  que recolle o libreto da ópera do mesmo título e o poema orixinal no que se baseou Ponteareas máxica. Mitos, ritos e lendas, onde se recompilan divesras lendas desa mesa zona relatadas en verso.

     Crónicas de Embora non engana desde o título, quer dicir, ofrece un mangado de textos curtos -dez en total- mais unha sorte de “dramatis personae” como colofón ao máis xenuíno, e gorentoso, estilo cunqueiriano. E estas propostas son,  abofé, “crónicas”, en ocasión semblanzas, retratos dun feixe de personaxes individualizados e con vida propia, situados nun espazo concreto denominado “Embora”: un lugar por veces recoñecible, tanto que case o situaría na comarca do Condado pontevedrés e, se me apuran, aínda se singularizaría máis, pero iso non é o relevante porque neste caso, ao meu ver, a clave é advertir como a intrahistoria dun lugar -as súas xentes, o propio espazo xeográfico, as súas lendas e historias, os sucedidos…- se converten, por dereito propio, en materia narrativa. E, nese sentido, Manrique Fernández dálle vida a todo isto con palmaria polifonía de recursos narrativos, abofé, que entretece en ocasións con fragmentos poéticos, lendas íntegras recibidas por correo electrónico, fragmentos filohistóricos ou, mesmo, parateatrais como o se agocha nun relato que acaba converténdose nunha proposta dramática. Aquí e acolá xorden tamén a faísca irónica, ás veces humorística, que revela unha voz narradora que manexa con habilidade os recursos da oralidade, o que lle outorga viveza a moitas páxinas e historias.

    Non é difícil conxecturar moitas homenaxes que atesouran estas páxinas: a primeira a ese espazo -Embora-, descrito con agarimo, mais tamén con crueza e espírito crítico cando é preciso; outras fan pensar nun inventor -mais tamén editor- como foi Alexandre Finisterre e ese “futbolín” saudoso retratado no relato homónimo. E se de tradición literaria falamos non se esquece certa querenza por algún autor trobadoresco de noso, o arrecendo foleano ou cunqueiriano que paira nalgúns textos e esa similitude no espírito autorial, tan apreciada por min, co retrato dun tempo, dun espazo  e dunhas xentes como o que practicou con tanta efectividade Lueiro Rey nos espléndidos Vicente y el otro ou n´O sol na crista do galo.

    Particularmente, foron moi do meu gusto as propostas que recrean acontecementos -quen sabe se reais- que espellan s ecos do franquismo ou dos primeiros anos do post-franquismo en Embora: a través do fío dunha poesía escrita en galego que participa atrevidamente nuns Xogos Florais ou nos propósitos conspiradores dun feixe de rapaces, respectivamente, sobre todo porque deixa en evidencia o que a intransixencia e mais o fanatismo poden chegar a converterse. E non esquezo, asemade, esas acaídas doses de ollar comprensivo noutros casos como a que se deita no “tolo” Elpidio ou a reflexión sobre o engano que o proceso de mitificación ás veces pode xerar, explícito no derradeiro “Ulises Pedreira”.

    Dou a benvida ao autor neste xénero: a súa achega canónica, mais tamén fresca e anovadora en ocasións, é unha lectura gorentosa que convido a compartir.