Sanatoria. Historia dos nenos raros, de Francesc Grimalt

Francesc Grimalt

Sanatoria. Historia dos nenos raros

Baía Edicións, A Coruña, 60 páxinas, 17 €

 

Resultoume de grata lectura, mesmo suxestiva tanto pola temática tratada como polo asunto narrativo recreado, o título  Sanatoria. Historia dos nenos raros, que asina Francesc Grimal e que publica Baía Edicións. O autor desta peza, ao que parece, asómase por vez primeira á creación na lingua de noso e faino cun libro singular que se acompaña dunha serie de espléndidas ilustracións a lapis,  tamén da súa autoría.

     Abeirado a un formato que fai pensar nun álbum ilustrado, Grimalt constrúe, con habelencia narrativa e indubidable espírito retranqueiro e crítico, un universo poboado por un conxunto de personaxes que semellan saídos dun fantástico exercicio de fabulación pero que, non en todos os casos, talvez sexa así. Un dos elementos máis salientables desta proposta, da que non coñezo moitos casos semellantes, é que posibilita de seu diversos niveis de lectura pois ben posible é entendela como lectura para persoas novas ou para un lectorado máis avezado.

      Dun ou doutro xeito, Sanatoria fala de persoas -aparentemente- estrañas ou raras, “inocentes sen culpa” que se ven privados de seguir a súa vida cotiá e son internados nun espazo hostil disposto non prescisamente para fins terapéuticos senón ideado como un cárcere, un barco inmóbil  chantado á terra con fortes áncoras -eses prexuízos sociais contra o que é diferente- que nunca navegará a ningures. Eses nenos e nenas que alentan nese lugar atesouran un pasado cruel -incluso o fantástico Teo, concibido como un neno perenne de folladelata e gran corazón, quen sabe se unha recreación do Frankenstein de Mary Shelley- que se vai desvelando e que se deriva, as máis das ocasións, do comportamento cando menos reprobable duns pais que, se cadra, non merecerían ese nome. Con Xacinto Pés Mollados, co Xefe, con Constanza e a súa capacidade de ler o futuro, con Orlando -ese marabilloso “lord dos suburbios”-, cos siameses Artaud e co gato Brais é posible viaxar por valores que a amizade alicerza a través de numerosas chiscadelas tributadas tanto a clásicos da literatura coma do cine.

      Quen se achegue a este libro verificará como axiña é obrigado ceder á complicidade que unha historia destas características demanda, quizais tamén polas continuas apelacións que a voz narradora exhíbe, se cadra pola forza e convicción desde a que se narra.  Prologado, por último, con lucidez por Félix Vidal -de quen extraio esta sentenza: “a nenez non é ninguna fase preparatoria senón unha realización en si, onde o futuro non existe, só presente”-, conta cun blogue que incorpora diversos contidos vinculados co libro e operativos para outros cometidos vinculados coa lectura: convido a que se coñezan, como a propia lectura que recensiono,  premendo aquí.