Caderno do mar, Antón Sobral e Xaime Toxo

Antón Sobral e Xaime Toxo

Caderno do mar

Deputación de Pontevedra-Concello de Marín, Pontevedra, 2014, s/p.

 

É un pracer traer a este Caderno da crítica un medio irmán, se se me permite, moito máis artístico e creativo e, neste caso, en papel e gran formato. Titúlase Caderno do mar e subscríbeno Xaime Toxo, como poeta, e  Antón Sobral como responsable das ilustracións.

    É, sen dúbida, unha regalía escribir sobre este proxecto singular que harmoniza, con efectividade, poesía e pintura e que asedia, como se sinala no seu limiar, o motivos da “viaxe”, mais tamén o da “obra” e o do “texto”. En efecto, Caderno do mar posibilita accedermos á experiencia da viaxe, froito dun proceso de mobilidade non programado que percorre as costas de Galicia e Portugal e que visita espazos inspiradores, mais ao tempo permite aprehender e transformar en poemas e imaxes, sensacións, sentimentos, percepcións que fan pensar noutra viaxe, esta xa interior, íntima e persoal.

    A lectura visual de Sobral, dominada polo branco e azul, polo trazo limpo e pola adopción de formas suxestivas que provocan a reflexión converxe, nun diálogo fértil, en percepcións semellantes que Toxo recrea e asume como idea central duns poemas que se dispoñen en tinta azul e que se trazan co poder expresivo que aínda atesoura a caligrafía. Toxo fainos viaxar pola memoria persoal, polo arrecendo que deixa o erotismo, polo ronsel que trazan os abismos e as ausencias, polas vivencias e evocacións que trae canda si o silencio, mais sobre todo por aquilo que o mar leva e trae, outorgándolle nese proceso a relevancia precisa que aínda ten a palabra. Mar e palabra, pois,  transubstáncianse aquí en xerfa, xarabal e ardentía, en formas e letras azuis para soñar e gozar aos poucos. Unha sorte acceder a este libro: grazas!