A neve interminable, de Agustín Fernández Paz

Agustín Fernández Paz

A neve interminable

Xerais, Vigo, 2015,  192 páxinas, 11,8o €

 

Agustín Fernández Paz ofrece n´A neve interminable unha proposta narrativa destinada a converterse nun dos libros máis salientables da temporada literaria, explorando con mestría algúns dos medos da condición humana e os da sociedade actual.

Un conxunto de cinco guionistas xúntanse nun hostal da Fonsagrada para traballar sobre un novo proxecto audiovisual no que proxectan explorar «os terrores presentes no mundo actual». Esta é a faísca que prenderá nun argumento que se interna nalgúns dos misterios que encerra o ser humano e que resulta operativo para erixir, ao mesmo tempo, unha reflexión sobre a sociedade contemporánea que vai alén da fantástica homenaxe literaria que se rende a voces salientables do xénero como Lovecraft ou Poe, por só citar dous deles.

       Articulado cunha estrutura que fai pensar en Fole ou en Bocaccio, é este un libro que encaixa á perfección nos esteos da narrativa de Fernández Paz: procura consciente da verosimilitude, tantas veces contrastada coa presenza de retallos xornalísticos; querenza indisimulada polos valores que representan a literatura, os libros e a lectura; desexo expreso de reflectir a paixón cinéfila ou musical -simbolizada no perfil dalgúns personaxes que circulan polo libro-; dosificación acaída da intriga e construción dunha atmosfera acaída que, neste caso, se pon ao servizo do cuestionamento da propia realidade e da razón. Aí é onde o desacougo pode virar con transparencia en angustia, situándonos nun rodopío do que xa é imposible saír para nos revelar «a inutilidade de que todo o que cremos saber sobre o mundo».

      É este un libro que abertamente dialoga co espírito que atesouraba Cartas de inverno. Un libro que en vinte anos superou os noventa e dous mil exemplares e concitou o recoñecemento da crítica. Non sería de estrañar para min que este A neve interminable seguise ese ronsel e alegraríame que así fose.

Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento “Fugas” de La Voz de Galicia baixo o título “Cando a razón non o explica todo” o 1 de maio de 2015.